As Pontes, 28 de marzo 2019. O Concello de As Pontes asinará mañá, ás 10:00 horas, na sede da Asociación de Veciños 25 de Xullo, o convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a convocatoria dun concurso de ideas do que xurdirán os proxectos de rehabilitación da Praza de América e a Praza do Barreiro.

Mediante a sinatura deste acordo, O Colexio Oficial de Arquitecto de Galicia, a través da súa delegación de Ferrol, asumirá as tarefas da redacción do prego das bases que rexerán o concurso de ideas, dando a oportunidade ao sector para participar activamente no desenvolvemento da idea e garantindo a viabilidade dos proxectos.

O Concello de As Pontes a través da convocatoria deste concurso de ideas busca, dada a importancia urbanística e social de ambos espazos, obter o maior número de solucións urbanísticas posibles para, deste xeito, poder realizar unha avaliación máis completa e optar, finalmente, por aquelas ideas que mellor se axusten ás demandas e necesidades dos veciños e veciñas de As Pontes, tanto desde o punto de vista estrutural como funcional e estético.

En ambos os casos, o obxectivo do executivo local é dotar a ambas as zonas de maior protagonismo, apostando por mellorar a accesibilidade e a funcionalidade das prazas, racionalizando a distribución dos espazos para, principalmente, recuperar o seu uso como lugares de encontro, de lecer e esparexemento de toda a veciñanza e para recobrar o papel que tiveron noutras épocas.

Estas actuacións ademais, permitirán ao Concello de As Pontes continuar co seu proxecto de rehabilitación urbanística, concedendo maior importancia aos peóns e apostando por mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas do pobo.