O Concello de As Pontes incrementa o seu orzamento en 493.133 euros

271
  • Apróbase a modificación provisional das normas subsidiarias da Rúa 8 de marzo
  • Alberto Pellón renuncia a súa acta como concelleiro

As Pontes, 12 de setembro de 2018. O Concello de As Pontes aprobou hoxe, durante a sesión plenaria ordinaria, cos votos a favor de grupo de goberno e o BNG e a abstención de Xuntos por As Pontes, un expediente de suplemento de crédito e crédito extraordinario, por valor de 493.133,73 euros,  provintes da Deputación da Coruña.

Este crédito permitirá levar a cabo a mellora do pavimento e servizos na Rúa Narón, cun importe de 170.000 euros, a mellora da seguridade vial na AC 564 na parroquia de Goente á que o Concello destinará 272.670,92 euros así como a reparación e mellora do firme en Pedrafita e Somede, traballos valorados en 50.462,81 euros.

As obras englóbanse dentro do proxecto municipal de acondiciomanento, remodelación e ampliación dos servizos, tanto no casco urbano como nas parroquias, co obxectivo prioritario de mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria en todo o termo municipal.

 

Modificación das normas subsidiarias

Durante o pleno, o Concello de As Pontes tamén ratificou, cos votos a favor do grupo goberno e Xuntos por As Pontes e a abstención do BNG, a aprobación provisional do proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias municipais na Rúa 8 de marzo, no ámbito ocupado, na actualidade, polo local social da asociación de discapacitados activos, A Xanela.

Esta modificación, que será remitida á Xunta para a súa aprobación definitiva, permitirá adecuar a realidade urbanística do terreo á norma, otorgándolle ó Concello  a posibilidade de ampliar as instalacións da asociación, en caso de que a demanda social o esixise, co obxectivo de ofrecer unha maior cobertura  e atender a un maior número de usuarios.

 

Renuncia de Alberto Pellón.

Na parte dispositiva do pleno municipal fíxose toma de coñecemento da renuncia de Alberto Pellón a súa acta de concelleiro por motivos de carácter persoal. María Cao, portavoz de Xuntos por As Pontes, tomou a palabra, en nome do seu compañeiro, para amosar o agradecemento e admiración do edil por toda a corporación municipal e animar ós veciños a participar, de xeito activo, na vida política, paso que el valora moi positivamente.

Montserrat García, tenente de alcalde do Concello de As Pontes e portavoz do grupo socialista, no seu nome e no de todos os seus compañeiros, agradeceu ó ex-concelleiro o traballo levado a cabo durante estes anos e desexoulle sorte na nova etapa que comeza. O BNG sumouse a este agradecemento.