As Pontes, 23 de novembro| A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ven de poñer en marcha a campaña O que se enchufa, recíclase, co fin de implicar á sociedade na reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, unha iniciativa que onte mesmo aterraba na nosa vila.

Con esta iniciativa preténdese concienciar á poboación da necesidade de reciclar este material e informar sobre os puntos de recollida existentes. De feito, ao longo da vixencia da campaña, instalaranse contedores repartidos por establecementos adheridos á campaña para que os veciños poidan depositar os aparellos que xa non queren.

No caso da nosa vila, onte mesmo xa se facía entrega de colectores para este tipo de materiais en dous comercios ponteses: Radio Eter na avenida da Habana e J&M, ubicado na avenida de Ferrol, lugares ata os que veciños e veciñas nos podemos desprazar para depositar este tipo de artigos eléctricos e electrónicos de pequeno tamaño. Asemade, tamén se colocou un punto de información na praza da capela do Carme onde todo aquel que así o desexou puido achegarse para ampliar a súa información e solventar dúbidas en relación a esta campaña.