As Pontes, 23 de novembro|O casco urbano pontés tinguiuse durante estes días de negro para botar un berro unánime en contra da violencia machista, e é que a campaña As Pontes en negro está presente en todo o casco urbano, dende as tendas, bares ou espazos públicos ata os edificios administrativos que se atopan esparexidos polo Concello para reclamar a fin da violencia contra as mulleres.

Baixo frases coma non es o meu dono, respecta as miñas decisións ou son libre de decidir sobre a miña vida, a sociedade local quérese sumar á celebración do día internacional de loita contra a violencia contra as mulleres lanzando unha mensaxe clara e contundente: que As Pontes e os seus veciños están en contra da violencia de xénero e loitarán para lograr a súa erradicación

Así, dende onte mesmo e ata a vindeira semana, nos escaparates de preto dun cento de establecementos comerciais e hostaleiros podemos atopar cartaces onde atopamos datos escalofriantes coma que 1 de cada catro mulleres é vitima da violencia de xénero e non o denuncia e incluso pancartas que dan conta de que estamos nun espazo libre de violencia machista. Asemade, os nosos tendeiros e camareiros contan con camisetas, mantelos e diferente material de promoción dunha campaña coa que se busca sensibilizar á cidadanía contra as violencias machistas no eido municipal, implicando ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social.

A todo isto únense pancartas que xa, nestes días, podemos ver na Casa do Concello ou en edificios coma a biblioteca, a casa dopeso ou os edificios administrativos da Canle IV ou a avenida de Castelao e incluso unha medida de participación dos propios traballadores municipais que, tanto hoxe coma na xornada de mañá, darán conta do seu respaldo a esta loita para visibilizar as violencias machistas, acudindo ao seu posto de traballo con roupas negras.

Tamén mañá darase lectura a un manifesto en contra da violencia contra a muller, un acto que terá lugar ao mediodía no salón de plenos e no que se contará con membros de todos os grupos políticos da corporación municipal.

As Pontes súmase así a unha campaña que arrincaba en 2015 en Compostela e da que, a día de hoxe, forman parte 75 concellos galegos e tres deputacións provinciais, de distintas cores políticas pero iso sí cunha única fin: denunciar a violencia contra a muller e erradicala do noso día a día.

O Concello das Pontes, para Conmemorar o Día Internacional en contra da Violencia de Xénero, retomaba este ano a súa participación  na Campaña En negro contra as Violencias que se está a desenvolver en 75 concellos galegos e 3 Deputacións Provinciais. A campaña ten coma obxectivo a sensibilización social e visibilización das violencias machistas.

Este ano, nas pontes están a participar arredor de 100 establecementos e organizacións, sendo os días centrais da mesma, do 23 ao 26 de novembro.