Home Destacadas As Pontes mellorará os servizos públicos da Avenida da Habana

As Pontes mellorará os servizos públicos da Avenida da Habana

0
As Pontes mellorará os servizos públicos da Avenida da Habana

As Pontes, 4 de febreiro de 2019. O Concello de As Pontes ten previsto mellorar e modernizar os servizos básicos municipais na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero.

Este proxecto, financiado a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2019, cun orzamento de 170.818 euros, permitirá a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa, nas dúas marxes da rúa.

Esta rede, que irá dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, ten como obxectivo prioritario o control do aporte de augas limpas ó sistema de depuración municipal nas épocas de máis choivas evitando posibles inundacións.

A actuación tamén contempla a substitución das actuais luminarias por novos puntos con tecnoloxía LED, encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética no municipio. A nova iluminación pública instalaranse sobre báculos dobres, cun punto de luz sobre a estrada e outro de paso para a beirarrúa.

A través destas obras así como de todas as levadas a cabo durante os últimos anos, o Concello de As Pontes quere dar un salto cualitativo no sistema de iluminación do municipio para lograr ter unha maior calidade lumínica, tanto no centro urbano como nos viarios rurais, e un maior aforro enerxético para avanzar cara unha vila máis sostible.

Así mesmo procederase á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño da zona, homoxeneizando a estética de todas as rúas do centro urbano, apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas nun proxecto de pobo máis funcional, no que toda a veciñanza poida moverse sen dificultades.

Os traballos completaranse coa dotación de bancos, papeleiras e xardineiras e coa sinalización horizontal e vertical precisa.

X