A Xanela renova a súa xunta directiva

929

As Pontes, 12 xuño de 2018. A Xanela, asociación de discapacitados activos das Pontes, conta, dende o pasado 6 de xuño, cunha nova directiva, liderada por Carlos Castro, e que dá relevo ó que fora presidente durante os últimos anos, Juan Guillermo García.

Esta nova dirección conta xa cunha axenda de traballo deseñada para continuar coa labor realizada ata a data na defensa dos intereses das persoas con diversidade funcional e espera, co apoio de todos os socios, poder completala para acadar a máxima atención social e lograr a súa integración na sociedade.

Por outra banda, o novo presidente, Carlos Castro, remarca que “tanto a dirección como o equipo profesional da Xanela continuará traballando con ilusión, esforzo e dedicación para desenvolver novos servizos e actividades que melloren a calidade de vida das persoas con diversidade funcional que se achegan ata a asociación e a das súas familias. Mantémonos así firmes no compromiso, que asumimos fai máis de 18 anos, para acadar a plena inclusión social”.

Completan a nova directiva, María Fernández como vicepresidenta, Cecilia García como secretaria, Olalla Sueiro como Tesoureira e María Sol Jarel, Javier Lamas, Magdalena Rivera, Carmen Ramos e Carlos Baamonde no cargo de vocais. 

A Xanela

A Xanela, asociación de discapacitados activos, membro de Cogami, con case 20 anos de experiencia no sector, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas, levadas a cabo por un equipo de traballo multidisciplinar, que combinan a estimulación cognitiva coa física, por medio de actividades terapéuticas, de lecer e tempo libre.

Situada no municipio de As Pontes, conta con 190 socios e 20 usuarios. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así a como aos seus familiares e contorna social.