As Pontes, 11 de xuño de 2018. O programa integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes, dirixido a mellorar a empregabilidade 85 ponteses, iniciou, a semana pasada, a súa fase de prácticas.
Desde o 6 de xuño e ata o 20 de agosto os beneficiarios do Programa Integrado de Emprego recibirán un total de 269 horas formación que inclúen a realización de prácticas non laborais en cociña, técnicas de venda e carretilla elevadora en diferentes empresas locais vinculadas ó sector da hostalaría, do comercio así como no polígono de Penapurreira.
A formación teórica repartirase entre un curso de cociña impartido por un profesional da Escola de Cociña Icook, un curso de community manager e de formación en novas a cargo do axente TIC do Concello de As Pontes. Un psicólogo industrial achegará ós alumnos do Programa Integrado de Emprego ás técnicas de venda mentres que a parte teórica do curso de manexo de carretilla elevadora e pá cargadora será impartido por un técnico superior e docente en prevención de riscos laborais.
Ana Pena, responsable da área de emprego do Concello de As Pontes, remarca que “o Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego” está encamiñado a que os participantes adquiran as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna e a formación axústase, polo tanto, ás demandas do mercado para poder chegar o obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 30% dos veciños que participan no programa integrado de emprego”.
O programa Integrado de Emprego ofrece, a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou menores de 30 anos con baixa cualificación, unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado para desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para en palabras de Pena “situalos nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.
Desde que, o pasado mes de novembro, comezara o programa integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, xa se realizaron boa parte das actividades previstas relacionadas coa información, orientación laboral, formación e asesoramento, tanto a través de sesións individuais e grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e unha titorización para reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.
A estas actividades hai que engadir a formación en técnicas de coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación para a procura de emprego, habilidades sociolaborais para aumentar as posibilidades de inserción laboral, obradoiros de videocurrículo así como tarefas de prospección empresarial e formación para o emprego con actividades de xestión de almacén e prevención de riscos laborais.
O orzamento do Programa Integrado é de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello de As Pontes.