RTVEume| Tal e como xa viñemos anunciando estes días atrás, a asociación veciñal das Campeiras celebra neste 2015 o seu primeiro cuarto de século, e a festa para conmemorar tan importante acontecemento vai ser do máis sonada.

De feito, na xornada deste venres e tamén do sábado contaremos cun intenso programa de actividades para celebrar estes primeiros 25 anos de vida por todo o alto.

Así as cousas, para este venres día 18, dende as 9.30 da noite, no campo da festa do barrio vai ter lugar un festival folk no que a estrela principal, como non podía ser doutro xeito, será a banda do barrio: Alfaia.

Pero a formación que dirixe o mestre Bossa non vai estar soa xa que contará coa compaña da Requinta da Laxeira de Vedra e do Grupo Arnela de Carral.

E da festa do venres á do sábado, xa que tamén co campo do barrio como escenario terá lugar unha cea de aniversario na que teremos aínda a ocasión de anotarnos ata mañá mércores, nos bares Ortegal e Campeiras ou na tenda de electricidade Elicia Gómez.

Esta xuntanza arrincará ás 8 do serán coa música dos Feroces da Galgueira e xa ás 9.30 dará comezo a citada cea na que o menú será un éxito seguro: xa que non faltará a empanada, os lagostinos á grella, xarrete, postre, bebidas, café e barra libre. TOdo isto a un prezo de 23 euros para adultos e 10 euros para nenos.

Asemade, realizaranse diferentes sorteos de agasallos e non faltará a música para baixar a cea, neste caso a cargo do grupo fusión.

Lembramos que o concerto do venres é de acesso gratuíto pero para participar nesta cea aniversario aínda estamos a tempo de anotarnos mañá na tenda de electricidade Elicio Gómez ou nos bares Ortegal e Campeiras.