RTVEume| Zona Zero regresará este sábado para ofrecer aos máis novos actividades do máis entretidas para desfrutar das horas libres da fin de semana, de feito, para esta segunda xornada, apostarase pola música e o baile da man dun concurso de talentos moi semellante a La Voz de Tele5.
Os rapaces e rapazas que desexen participar nesta actividade poderano facer gratuitamente con tan só achegarse, o sábado en horario de 16.30 a 18.30, ás dependencias do lar de Endesa e ter entre 11 e 14 anos de idade.
Asemade, os que así o desexen poderán traer un instrumento musical e interpretar algún que outro tema para os seus compañeiros. Por suposto, non só haberá música xa que, durante a tarde, os participantes tamén poderán xogar ao ping pong, ao futbolín e a multitude de xogos de mesa, baixo a dirección das monitoras deste programa gratuito que están a desenvolver dende o Concello de As Pontes e a asociación Abeiro.