As Pontes, 13 de xuño| O peche da rúa Alexandre Bóveda para acometer as obras de remodelación que comezaron onte, suporá establecer alternativas para o tráfico rodado.

A circulación pola Avda de A Coruña sométese a un cambio de sentido. Deste xeito poderase acceder, dende ela ás Avdas de Ortigueira e Ferrol.

Con esta actuación na rúa Alexandre Bóveda séguese co ambicioso proxecto de remodelado do centro urbano, que persegue unha humanización que se traducíu na mellora estética e de servizos.

Nestes intres seguen, xa no seu tramo final as obras na rúa do Concello e de Rosalía de Castro, que pecharán a remodelación funcional que nos últimos anos está a supoñer unha posta en valor do centro neurálxico da vila.

O peche da Alexandre Bóveda supuxo confirmar tamén o traslado xa programado da parada de taxis.

Logo de maís de dúas décadas con esa ubicación, os taxistas ocupan agora un espazo máis céntrico na Avda de Galicia, a arteria viaria principal da localidade.

Esta demanda do propio colectivo xa tivera a resposta afirmativa do Concello, que habilitou a nova parada coa sinalización e os servizos precisos.

O orzamento para acometer as obras en Alexandre Bóveda ascende aos 108.118 euros.