RTVEume.- O venres, 16 de Outubro, vaise celebrar no concello, unha reunión dos representantes da Plataforma Stop gardarraís co Concello da nosa vila.

Esta Asociación solicitaba ser recibida para plantexar as súas demandas e dar a coñecer as súas actividades, e atopou a acollida da Administración local, que estará representada polo concelleiro de Seguridade cidadá Antonio Castro.

Antonio Castro manifestáballes o interese en coñecer o seu traballo divulgativo e ofrecíalles o apoio dun goberno pontés que comparte as súas reivindicacións, pero sempre dende a limitación de competencias que ten neste asunto.

O presidente de Stop gardarraís agradecía a acollida e manifestou xa que queren dar a coñecer a súa campaña para reivindicar un sistema viario máis seguro, lembrando que os motoristas e ciclistas precisan de sistemas de protección específicos para garantir a súa seguridade.

O actual sistema viario non inclúe en moitas partes do trazado os sistemas de protección para motoristas, polo tanto, existe un elevado risco a sufrir lesións graves tras un impacto coas barreiras existentes. Amputacións, lesións graves e mesmo mortes escóndense detrás duns elementos que xa pasaron á historia en países como Francia, Portugal ou Italia.

A reunión está fixada para o venres ás dez da mañá no edificio consistorial.