As Pontes, 30 de novembro de 2023. O Concello das Pontes rematou, esta semana, os traballos de mellora de tres camiños municipais en Tras do Río, na parroquia do Freixo.

O proxecto, cun orzamento de 29.763 euros, con cargo ao AGADER, tivo como obxectivo a rehabilitación dos tres viarios para dotalos dunha óptima calidade tanto superficial como estrutural, conseguindo así mellorar a comodidade e seguridade que se esixe neste tipo de viais.

As obras realizadas incluiron actuacións de varrido de superficie e limpeza de marxes; procedeuse á limpeza das cunetas e á eliminación de vexetación que invadía o vial e reparáronse as fochancas e zonas afundidas mentres que as zonas lixeiramente deformadas regularizáronse mediante formigón bituminoso.

O afirmado realizouse coa extensión e compactación dunha nova capa de rodadura formada por 5 centímetros de formigón bituminoso. Os traballos concluiron coa reposición da sinalización, tanto horizontal como vertical, dacordo á normativa vixente.