As Pontes, 28 de novembro de 2023. O Concello das Pontes presentou, esta mañá, a programación de Nadal, unha proposta que inclúe unha vintena de actividades coas que o goberno local busca, en palabras da responsable de Cultura, Lorena Tenreiro “dinamizar o pobo non só desde o punto de vista cultural senón tamén social e económico, con actividades dirixidas a todos os públicos, con maxia, música, contacontos, pasacalles sen esquecer as propostas de lecer para a rapazada e a tradicional cabalgata de reis”

A programación de Nadal no Concello das Pontes arrancará o venres, 1 de decembro, ás 20:30 horas, no Parque Municipal, co acendido da iluminación de Nadal. Un evento que estará amenizado polo Rockservatorio, a proposta musical dos profesores de precusión e guitarra do Conservatorio de Música Profesional das Pontes e na que o alumnado se achega ás diferentes posibilidades musicais dos seus instrumentos, e a actuación do Mago Noel.

As actividades continuarán o sábado, e de decembro, coa segunda edición do festival de ilusionismo, As Pontes ten Maxia, unha proposta que achegará, ata diferentes escenarios da vila, unha selección dalgúns dos mellores e máis premiados números de maxia do momento.

A partir das 11:00 horas, Joshua Kenneth dirixirá un obradoiro de maxia, dunha hora de duración, para rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, e a continuación realizará unha actuación para bebés, ás 13:00 horas no salón de actos da Casa Dopeso.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda para a Gala de Maxia Infantil Familiar, a cargo do Mago Linaje, no Auditorio Municipal Cine Alovi e, o domingo, 3 de decembro, a partir das 18:00 horas celebrarase a Gran Gala Internacional de Maxia no Auditorio Municipal Cine Alovi na que participarán Jordi Caps, Joshua Kenneth, Arkadio, Enric Magoo e Solange Kardinaly.

A seguinte fin de semana, Juanjo de la Iglesia, Juan Anillo e o grupo local On Fire, achegaranse ata o Auditorio Municipal Cine Alovi para presentar Medium Tontum, un espectáculo de maxia, humor e música en vivo. Será o sábado, 9 de decembro, ás 20:00 horas.

O xoves, 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Casa Dopeso será a quenda para Tarabelos, títeres e contacontos coa súa obra Un nadal cheo de contos, unha actividade englobada dentro da programación dos Xoves na Biblio.

O venres, 15 de decembro, ás 20:00 horas, o mesmo escenario, a collerá o Festival de Nadal da Rondalla Vila das Pontes. A programación continuará o sábado, 16 de decembro, no Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 18:00 co espectáculo Los viajes de Bowa, da compañía La Gata Japonesa, unha proposta, dirixida ao público familiar, na que se mistura a maxia, co circo, as acrobacias aéreas e o humor e o luns, 18 de decembro será a queda para o Conservatorio de Música Profesional das Pontes, co seu concerto Peque Nadal.

O día 20 de decembro, ás 19:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a obra Alma de Tigre da compañía Elefante Elegante, a historia dunha familia encerrada nunha casa destartalada a través de cuxas gretas se filtran os segredos do pasado e dunha herdanza envelenada, na que os personaxes se rebelan contra un mundo do que xa non poden escapar.

A programación de Nadal continuará o xoves, 21 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Dopeso, co concerto de Clarisax Band e o alumnado do Conservatorio de Música Profesional das Pontes. O día 22, ás 18:00 horas, na Casa Dopeso, Picariños presentará o seu Festival de Nadal e o para o día 23 de decembro, o departamento de Cultura do Concello das Pontes programou a espectáculo Invisibles de Voilá Producciones, a historia de Mía e a súa amiga invisible. Será no Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 18:00 horas.

Por outra banda, a partir do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro, o patio do Colexio Santa María acollerá a proposta Tempo de Nadal, dirixida a nenas e nenos, de entre 1 e 14 anos, a través da que poderán gozar de diferentes obradoiros e actividades.

Así mesmo, os días 24 e 31 de decembro as charangas Os Celtas e a Charanga da Carmiña, animarán ás rúas da vila. Así mesmo, o día 27 de decembro, achegarase ata As Pontes o pasacalle Animacreques da compañía Catro Pés e o 3 de xaneiro será a quenda para Projeto Ez coa súa proposta de animación de rúa A Caravana.

O día 28 de decembro, O apalpador e a nena sen medo, un contacontos de nadal que chegará á Casa Dopeso, ás 18:00 horas, da man da Xanela do Maxín ao abeiro da programación dos Xoves na Biblio.

O día 29 de decembro (Auditorio Municipal Cine Alovi, 20:30 horas) será a queda para o concerto de Black, a banda galega que nos achegará á música soul, a esa música de voces negras que alimentan a alma e a sensibilidade e que, a día de hoxe, só podemos oír, na súa maioría, en vellas gravacións. Xa o sábado, 30 de decembro, a partir das 12:00 horas, o público poderá gozar o Concerto de Nadal da Banda Cultura e Recreativa Vila das Pontes.

As propostas culturais continuarán o día 4 de xaneiro co espectáculo de maxia, Rock&Magic do Mago Teto, no Auditorio Municipal Cine Alovi, a partir das 18:00 horas. Un espectáculo de música e ilusións.

A programación de Nadal terá o seu broche de ouro o día 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis Magos, que sairá ás 18:00 da Rúa Monte Caxado para facer o seu percorrido habitual e rematar coa recepción real.

Toda esta programación complétase coa programación cinematográfica para o mes de decembro entre a que destacan, entre outros, títulos como Wonka, La navidad en su manos e Los Juegos del Hambre.

Desde o Concello das Pontes anímase a toda a veciñanza e persoas visitantes a gozar destas actividades e formar parte delas, aproveitando a ocasión para desexarlles unha felices festas.