As Pontes, 4 decembro de 2023. A asociación local Adiante, coa colaboración do Concello das Pontes, puxo en marcha un programa de prevención da drogodependencia, entre a rapazada, a través da educación emocional.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social, na presentación do obradoiro no IES Castro da UZ, sinalou que “son moitas as investigacións que asocian o consumo de drogas cunha menor competencia nas relacións sociais e a través destes obradoiros búscase traballar as competencias conductuais, sociais, cognitivas e emocionais co obxectivo de que a rapazada poida mostrarse máis competente para establecer vínculos prosociais e facer fronte ás presións do ambiente favorables ao desenvolvemento de condutas de risco para a saúde”.

Nese sentido, a concelleira remarcou que “o campo das adicións é un campo cambiante e dinámico, suxeito á evolución da sociedade, á introdución de novas substancias e ao cambio de patróns e hábitos de consumo, é preciso procurar novas formas de previr os consumos abusivos e problemáticos para tentar aumentar a efectividade das accións preventivas e ese é o obxectivo deste programa”

Así, os obradoiros, desenvolvidos por Adiante nos IES Castro da Uz e Moncho Valcarce, buscan promover no alumnado de secundaria da vila un coñecemento sobre a propia persoa e fomentar a adquisición de habilidades e valores protectores, conectando coas diferentes relacións e contextos nos que se desenvolve por medio de sesións nas aulas e sesións individuais.

Durante as sesións nas aulas, o persoal de Adiante observará o funcionamento dos grupos para avaliar as posibles condutas de risco por medio da avaliación de habilidades e competencias sociais e emocionais tales como a escoita activa, a cooperación, a empatía, a expresión emocional ou a toma de decisións.

Nas sesións individuais, que se realizarán fóra do grupo, co alumno/a e a súa familia, ofrecerase apoio ás persoas participantes en aspectos relacionados co malestar emocional, as condutas disruptivas na aula ou posibles condutas de risco.

En ambos caso, as sesións serán participativas e activas buscando a aprendizaxe emocional e funcional, a partir da experiencia, dos coñecementos, intereses e necesidades persoais e sociais do alumando participante empregando a música, a expresión corporal, a dramatización, dinámicas de cooperación, técnicas de relaxación ou visionado de vídeos.