As Pontes, 18 de xaneiro de 2024. Os alcaldes dos concellos de As Pontes, Pontedeume, Cabanas, Monfero e a Capela participaron onte na primeira xuntaza da Asociación de Concellos do Eume, asociación que ten como obxectivo traballar, de forma conxunta, na xestión da comarca e dar resposta ás inquedanzas da poboación dos cinco municipios.

Durante o transcurso deste encontro, os rexedores locais estableceron unha folla de ruta que, de maneira integral, considera todos os retos e todas as accións necesarias para facer da comarca do Eume un territorio habitable, competitivo, atractivo, amable, acolledor, saudable e concienciado co desenvolvemto equitativo, xusto e sostible.

Así, acordaron traballar na posta en valor, dinamizacion, recuperación e difusión do patrimonio dos cinco concellos, no seu desenvolvemento socioeconómico, especialmente no vinculado aos recursos naturais e culturais, dentro dun marco de sustentabilidade, a traves de accións que revertan directamente na poboación de As Pontes, Pontedeume, Cabanas, Monfero e A Capela.

Todos os alcaldes coincidiron na necesidade de traballar, de xeito prioritario, na captación de fondos e investimentos para a comarca que permitan un desenvolvemento equilibrado do territorio e o acceso a un maior número de servizos e oportunidades para a veciñanza.