As Pontes, 29 de xuño| Preto dun milleiro de ponteses e pontesas marchaban hoxe ata Santiago para levar ás portas da Xunta a protesta firme e decidida en contra do peche do CPI Monte Caxado.

Doce autobuses e máis dun cento de camións, ós que logo se sumaría a xente que foi en vehículos propios, concentrábanse xa sobrepasadas as 11:30 da mañá en San Caetano, na resposta ás vagas promesas de última hora da Consellería, que ata onte á noite tentou de facer unha oferta que desactivase a protesta.

Logo de que as Anpas implicadas, en senllas asembleas, e o Consello escolar municipal, rexeitasen unha proposta que só supuña unha prórroga dun ano garantida.

Despois de que os camións fosen desviados a Amio, os conductores deixaban os seus veiculos para subirse ós autobuses e participar da marcha ata a sé da Xunta.

Alí se sumaban á manifestación convocada polas Anpas galegas na que había presenza de outros centros afectados. Con todo tipo de instrumentos para facer un ruido que deixase ben claro que alí estaba a unión dun pobo que sabe o que é defender o seu, e nunca se plegou na historia ás aldraxes.

A chegada dos camións colapsou os accesos á capital galega, e a súa presenza causou a expectación entre conductores, viandantes e medios de comunicación.

Xa cos máis dun milleiro de persoas que se xuntaron nesta convocatoria, rodeáronse as instalacións da Consellería e leronse senllos comunicados.

Desafiando á chuvia que non arredrou o ambiente festivo, tivemos uns representantes nesta protesta, que amosaron un tono reivindicativo, pero respectuoso en todo momento.

Entre os moitos apoios que se sumaron estivo o dos voceiros parlamentarios de PSdeG PSOE, En Marea, e BNG

O Concello estivo representado polo mesmo alcalde, Valentín González, e os concelleiros, Antonio Alonso, Ana Pena, Chicho Tembrás, José Alén, Isabel Fornos, Sonia Sueiro, e Antonio castro.

Todos os grupos políticos locais contaron con representación, así como todos os centros de ensino, e a cordenadora de Anpas .

E mentres en As Pontes, fíxose palpable a protesta co comercio e a hostalaría pechando maioritariamente, e e algúns mesmo toda a mañá.

Agora, logo das ameazas da Xunta de romper unhas negociacións que nunca se entenderon como tal en As Pontes, deberá mover ficha, e en función delo seguirán as mobilizacións se se fan precisas.

A proposta, que non negociación, incluía un ano de prórroga co mesmo horario e condicións para os alumnos de primaria e que os de secundaria rematasen o seu ciclo no mesmo colexio pero adscritos ó Moncho Valcarce e sen a posibilidade de novas incorporacións.

Logo destas medidas estarían abocados igualmente ó peche do centro e o traslado das unidades. E aínda por riba ningunha destas ofertas tivo o aval de seren presentadas por escrito malia demandarse así.

A protesta polo que a Xunta, malia actuar unilateralmente, sen negociación nin información previa, e limitando a marxe de maniobra e tempo, entende como unha restruturación de centros educativos, vai continuar.

E co acto desta mañá, aínda que As Pontes se erixíu en protagonista, púidose constatar que non imos estar sós, e estarán tamén o resto de afectados, como Outes, O Porriño, e Ribadavía.