RTVEume. As pistas de padel da Canle IV serán obxecto a vindeira semana dunha nova proba deportiva. Neste caso, para pechar o verán nada mellor que sumarse a esta modalidade deportiva e participar na primeira edición do open de padel Lago de As Pontes que, entre os días 14 e 20 deste mes, terá lugar na nosa vila.

Ata este mesmo sábado aínda é posible anotarse mediante a web www.mistorneosonline.com, nas diferentes categorías que incluirá este trofeo. De feito, a competición contará con 2ª, 3ª e 4ª división masculina, competición feminina e categoría mixta e haberá interesantes premios para os campións e subcampións de cada categoría, ademáis de para os gañadores das probas de consolación, agasallos que superarán os 2000 euros en total

Así as cousas, en segunda masculina, as dúas parellas que cheguen á final repartiranse 300 euros en metálico, roupa deportiva e unha cea no Mesón de Pepe. As parellas que alcancen a final en terceira, loitarán por dous vales de 100 euros en material deportivo e de óptica ou unha cea valorada en 50 euros e os finalistas de cuarta categoría faranse cun vale de seis sesións de fisioterapia ou dous magnum de viño, ademáis de roupa deportiva.

Na categoría feminina as dúas mellores parellas recibirán un vale de 100 euros nunha tenda de roupa ou ben un vale de 50 euros en roupa de deporte e os finalistas da categoría mixta repartiranse 150 euros en metálico, roupa de deporte e 4 botellas de viño.

Os premios nas categorías de consolación tamén serán do máis atractivos con paleteiros, vales nun salón de perruquería, botellas de viño ou ceas.

Asemade, haberá festa durante a fin de semana da competición cunha festa ibicenca na noite do sábado; unha gran churrascada no mediodía do domingo 20 e o sorteo de múltiples agasallos ao longo dos 7 días que dure a competición.

Para anotarse, tan só é necesario acceder á web www.mistorneosonline.com e alí cubrir os datos da parella participante na categoría correspondente. Os prezos de inscrición son os habituais: 15 euros unha categoría e 25 euros dúas categorías.

Asemade, para obter calquer tipo de información é posible enviar un whastapp ao 633 466 793.