O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Obras da localidade pontesa, Ramón Alonso, visitaron as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana a As Pontes, que contan cun orzamento de 1.131.656,47 euros, o que supón un dos maiores investimentos programados este ano na rede provincial de estradas.  As obras, avanzan a bo ritmo e prevese que estean rematadas completamente no mes de outubro.

Formoso explicou que as obras consisten en anchear e mellorar a seguridade do vial ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira, un tramo de preto de 9 quilómetros no que a plataforma será ampliada ata os 8 metros de ancho , con vía de circulación de 7 metros e arcéns de medio metro en ambas marxes do vial, o que contribuirá a mellorar a seguridade tanto da circulación de cehículos coma das veciñas e veciños que transitan a pé pola zona.

Nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa estrada principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, xa se completou a execución dunha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorrepola marxe esquerda da calzada, coa que se pretende garantir a circulación viandantes en condicións de seguridade nesta recta.

As obras incluén tamén a construción dunha pequena variante para eliminar os puntos máis perigosos do trazado, un sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.