O CONCELLO DAS PONTES PRESENTARÁ O SEU PLAN DE ACCIÓN DA AXENDA URBANA NUNHA XORNADA DE INTERCAMBIO COS CONCELLOS DE TUI E PARADELA

35

O Concello de As Pontes xa conta co seu Plan de Acción Piloto da Axenda Urbana, ao tratarse dun dos tres municipios galegos de menos de 20.000 habitantes que foron seleccionados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a principios de ano para esta encomenda. Os outros dous municipios foron Paradela (na provincia de Lugo) e Tui (na de Pontevedra).

Elena López, concelleira responsable desta iniciativa, destacou que, deste xeito, “estes tres territorios contan xa cunha folla de ruta que lles permitirá orientar futuras actuacións para a consecución dun desenvolvemento sostible nos eidos económico, medioambiental e social; mais tamén serán de referencia para outros municipios de características similares que opten por elaborar o seu propio plan”.

Para dar a coñecer os resultados obtidos e os traballos realizados, celebrarase unha xornada, denominada As Axendas Urbanas nos municipios galegos de menos de 20.000 habitantes.

Elena López sinalou a importancia desta xornada, que consistirá nun “espazo ideal para que os tres Concellos intercambiemos experiencias do proceso, así como expoñamos as prioridades de intervención que foron detectadas e definidas durante estes meses de traballo”.

Este acto, aberto á cidadanía, terá lugar o xoves 1 de setembro ás 12:00h, celebrándose de maneira presencial no Auditorio Casa Dopeso e tamén poderá seguirse de maneira telemática. Nel, representantes das distintas administracións (tanto dos Concellos implicados como tamén por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ou da Xunta de Galicia, entre outros) compartirán os posibles escenarios de financiación futuros ademais de sinalar a importancia das Axendas Urbanas para as convocatorias europeas en particular e a planificación urbana en xeral. A xornada concluirá cunha mesa redonda para poñer en común e favorecer o debate sobre os beneficios e implicacións que suporán estas follas de ruta para estes tres municipios como para aqueles que elaboren o seu Plan nos vindeiros anos.

Para poder asistir tanto en modalidade presencial como telemática é preciso inscribirse a través do formulario habilitado no seguinte enlace https://form.jotform.com/222352230346344.

Por último, Elena López sinalou que “nos vindeiros días, este Plan de Acción será levado a pleno para a súa aprobación e, así, poder comezar na súa implementación”.