O Lago de As Pontes acollerá o vindeiro sábado 3 de setembro, dentro da celebración do seu décimo aniversario, un evento moi particular coa música de Bruce Springsteen coma protagonista. Un evento de acceso libre e que prolongarase durante toda a tarde, de 18:15 a 22:15 horas, converténdose nunha festa familiar ao redor da música rock.

Como comezo da xornada, máis de 70 persoas xuntarán voces e instrumentos para interpretar a canción “No Surrender”, todo un un himno do artista norteamericano. A celebración terá lugar a partir das 18:15 horas, momento no que se tocará a canción de forma colectiva tras un tempo de ensaios

Actuarán, a continuación, os asturianos ‘Stormy Mondays’, que se fixeron populares porque unha canción súa viaxou en 2011 nunha nave da NASA ao espazo. Os astures tamén editaron unha homenaxe ao Lp Nebraska en 2020 que quedou sen presentarse por mor da pandemia. Este sábado en As Pontes poderase escoitar ese disco en directo en versión eléctrica.

Seguidamente o público asistente gozará cos grandes éxitos de Springsteen interpretados pola banda ‘DeBosses’, de Pontedeume. E rematará a festa con ‘On Fire’, banda das Pontes que realiza un tributo a Jimi Hendrix e está a xirar por toda España.

O prazo para apuntarse xa se pechou fai días, pero calquera persoa que queira desfrutar da experiencia pode sumarse e cantar sen micro, ou tocar a guitarra sen enchufar, como xa se está a facer noutras experiencias similares como No Surrender Festival que comezou en Cataluña en 2017 .

O Springsteen Day xurdiu dun grupo de fans de Bruce que recibiu o respaldo do Concello de As Pontes, sumando este evento ás celebracións que durante todo agosto se puxeron en marcha  para celebrar os 10 anos do Lago como espazo de lecer e que neste 2022 recibiu, por segundo ano consecutivo, a Bandeira Azul.