O Concello de As Pontes de García Rodríguez converteuse hoxe no epicentro da Axenda Urbana Española coa celebración da xornada “Las Agendas Urbanas en los ayuntamientos gallegos de menos de 20.000 habitantes”.

A subdirectora xeral adxunta de Políticas Urbanas do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), Sonia Hernández, foi a encargada de abrir a xornada presentada polo planificador de estratexia urbanas, Luciano Alfaya.

A continuación, os alcaldes das tres cidades e vilas galegas de menos de vinte mil habitantes seleccionadas por Europa e polo Estado para redactar as súas Axendas presentaron o seu proxecto de futuro. Deste xeito o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e o alcalde de As Pontes, Valentín G. Formoso, trasladaron ás autoridades e público asistente os principais retos que afrontarán nos vindeiros dez anos.

Na xornada tamén interviñeron o director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administracións Públicas da Xunta de Galicia, Ángel Luis Tarrío, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

O alcalde de As Pontes calificou de “ilusionante e retador” a redacción da estratexia de futuro e quixo trasladar o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron no proceso de participación, salientando o importante papel dos e das traballadoras municipais que coa súa implicación axudarán neste proceso de cambio.

González Formoso adiantou que o futuro de As Pontes pasa por crear unha cidade máis atractiva tanto para a cidadanía como para os futuros habitantes pero tamén para posibles inversores. Tamén adiantou que o Plan de Acción de As Pontes centrará os seus principais esforzos en combater o declive demográfico, afrontar un proceso de transición xusta, abordar a diversificación da actividade económica local e aproveitar o potencial dos recursos locais tanto forestais como agrogandeiros ou turísticos.

Ademais, o Plan de Acción de As Pontes recuperará o dinamismo comercial do concello, traballará para garantir a dotación de servizos públicos de carácter sociosanitario e dinamizará o mercado inmobiliario para evitar a vivenda baleira e  os locais comerciais pechados. Mellorar a imaxe interna e externa do concello tamén está entre as accións contempladas nesta Axenda Urbana.

A través do programa “As Pontes Emplea” o concello posicionarse como referente en produción e almacenamento de enerxía verde e impulsará o turismo natural.

As Pontes tamén promoverá a mobilidade de proximidade, avanzará cara un modelo residencial denso e porá en valor o territorio produtivo.

En palabras de Valentín G. Formoso, “As Pontes apostará pola retención e atracción de talento, por incentivar o deporte e vida saudable e xerará espazos interxeracionais”.

Por último o rexedor local sinalou que “entre os retos que se afrontarán no futuro está apostar pola innovación tecnolóxica (Smart City), promover a gobernanza multinivel e reforzará a xestión integral a nivel municipal”.