As Pontes, 5 de setembro de 2022.  As Pontes acolleu o sábado, 3 de setembro, dentro dos actos de celebración do décimo aniversario da apertura da praia do lago ao público   o primeiro Springsteen Day, un evento adicado ao artista norteamericano.

Unha iniciativa que congregou a máis de 1.000 persoas na praia do lago na que se puido gozar dos concertos da banda asturiana ‘Stormy Mondays e das formacións galegas ‘DeBosses’, e ‘On Fire´e no que máis de 70 persoas interpretaron de forma colectiva a canción “Non Surrender”

Vicente Roca, concelleiro de Cultura, amosou a súa satisfacción polo éxito deste evento “O Springsteen Day xurdiu dun grupo de fans de Bruce Springsteen, era un reclamo para a xente que adora ao artista de New Yersey e que leva anos agardando unha nova xira. Un evento que nace con vocación de continuidade que se converteu nunha gran festa da música, onde persoas de todas as idades, procedentes de diversos puntos da xeografía galega e española, gozaron unha fantástica xornada de lecer como música rock como nexo de unión”.

Así,  a  afección de Bruce Springsteen respondeu á chamada do Concello das Pontes, achegándose ao lago desde ás 14:00 horas para participar nun xantar colectivo que daría paso, a continuación aos ensaios colectivos e a montaxe dos instrumentos. Xa ás 18:30 horas, coas bandas Stormy Mondays e DeBosses sobre o escenario, actuando como mestres de cerimonias, comezou a soar Non Surrender, que foi interpretada ata en tres ocasións, nun ambiente chego de emoción.

A continuación actuaron os asturianos ‘Stormy Mondays’, que se fixeron populares porque unha canción súa viaxou en 2011 nunha nave da NASA ao espazo, e que estrearon a súa versión do disco de Bruce “Nebraska, editada xusto cando chegou a pandemia e que non puido ser presentado.

O sábado escoitouse o disco en directo, en versión eléctrica, dunha banda que soa moi engraxada. Seguidamente o público asistente puido gozar do concerto da banda ‘DeBosses’, de Pontedeume, tamén parados pola pandemia,  e que retomaban as sensacións cun público entregado que coreaba todas as cancións. O fin de festa veu da man da banda local ‘On Fire’ cun fantástico tributo a Jimi Hendrix que non defraudou ao público congregado no lago das Pontes.

Desde o Concello das Pontes agradeceuse a todas as persoas asistentes o seu comportamento e civismo, respectando o espazo natural no que se desenvolveu o concerto, deixando o espazo limpo e non provocando ningún tipo de incidente.