O Concello de As Pontes aprobou, no pleno extraordinario celebrado o 18 de agosto, a constitución da asociación de concellos, de carácter non lucrativo,  para a xestión da comarca do Eume.

Elena López, concelleira de Turismo, durante a presentación desta iniciativa, explicou que “o Concello das Pontes leva tempo incorporándose, de maneira sólida e decidida, á dinámica da planificación estratéxica municipal a través de proxectos como o Plan de Mobilidade Sostible, o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible de As Pontes ou o Plan de Sustentabilidade Turística para Destinos da Comarca do Eume. Ademais o Concello das Pontes tamén está participando en estratexias de carácter supramunicipal e está a desenvolver estratexias no ámbito socioeconómico, da mobilidade, da acción climática, do turismo pero é preciso dar un paso máis aló. É preciso abordar a elaboración dunha folla de ruta que de maneira integral considere todos os retos e todas as accións necesarias para facer das Pontes e da comarca do Eume un territorio competitivo, atractivo, amable, acolledor, saudable e concienciado co desenvolvemento equitativo, xusto e sostible nos seus diferentes ámbitos de actuación. A Asociación de concellos da comarca do Eume nace con esa vocación”

Así, a Asociación xurde coa intención de participar na elaboración dos plans de desenvolvemento e inversión que se están a crear ou que se poidan crear nun futuro desde os diferentes organismos públicos e para promover e realizar accións en defensa dos intereses e os dereitos da cidadanía da comarca do Eume.

Dita entidade ten, entre as súas finalidades, a promoción do desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio que conforma a comarca do Eume, con especial apoio dos seus valores, naturais e culturais, mediante o desenvolvemento de accións e a posta en marcha de actividades cuxo efecto repercuta no beneficio das persoas que viven no devandito territorio.

Así mesmo velará pola protección e conservación do patrimonio natural do territorio, facendo especial fincapé no Parque Natural das Fragas do Eume e a súa posta en valor como recurso, coa finalidade do desenvolvemento económico e social da súa poboación.

A Asociación de concellos da comarca do Eume tamén traballará na posta en valor, dinamización, recuperación e difusión do patrimonio cultural; o fomento do turismo, especialmente o vinculado aos recursos naturais e culturais, sempre dentro dun marco de sustentabilidade.

Para levar a cabo ditas tarefas a asociación facilitará o intercambio de información sobre temas relacionados co proxecto de xestión da comarca do Eume nos concellos membros, porá en marcha  servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros e asemade  organizará e participará en reunións, seminarios e congresos e promoverá publicacións e documentos vencellados a súa finalidade e obxectivos.