O Concello das Pontes será o escenario dunha das citas programadas para este 2024 do “Xogade coas motos”, a actividade motociclista do programa “Xogade” (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar), dirixida por VF Timing e amparada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Motociclismo. Será o vindeiro sábado 31 de agosto, no Circuito Municipal de Karting das Pontes, de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h.

Grazas á colaboración da Concellaría de Deportes do Concello das Pontes, tódolos nenos e nenas comprendidos entre os 6 e os 15 anos terán a posibilidade de probar unha moto de competición por primeira vez dentro dun marco seguro, guiados por monitores experimentados e de xeito completamente gratuito.

A finalidade do programa “Xogade coas motos” é que os nenos e nenas poidan descubrir se lles gusta o deporte do motociclismo, xa que se trata dunha primeira toma de contacto que lles permite achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en centros escolares, circuítos ou competicións.

Os rapaces e rapazas participantes terán acceso gratuíto a motos, monos e cascos para realizar diferentes exercicios de destreza que serán dirixidos por monitores que avaliarán o seu nivel.

Dende a organización informan de que existe un prazo de inscrición prioritario para os nenos e nenas empadroados nas Pontes, que vai dende o 16 ata o 23 de agosto. Tódalas inscricións realizadas de persoas non empadroadas nas Pontes durante ese periodo serán anuladas e terán que repetirse a partir do día 23 de agosto.

As persoas interesadas poden obter toda a información relativa a esta actividade e inscribirse accedendo á páxina web:

https://www.xogadecoasmotos.com/xogade-as-pontes-de-garcia-rodriguez