As Pontes 12 de Outubro do 2016

O proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC), tivo a semana pasada unha visita máis, nesta ocasión profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, concretamente da Factultade de Historia de Ourense.

Dado que a totalidade de participantes era a primeira vez que visitaban As Pontes, a primeira parada da viaxe desde Ourense, foi na Casa do Concello, onde Ana Pena, concelleira de Turismo e Emprego, déulles a benvida e explicoulles as principais transformacións sociais, demográficas, medioambientais e económicas na nosa localidade desde os anos 40 do século XX, derivadas case na súa totalidade das diversas actividades industriais aquí implantadas.

A continuación, o grupo desprazouse a coñecer o Polígono Industrial de Penapurreira, cunha superficie de máis de 820.000 m² e exemplo das políticas de reestruturación da minería en España. Alí foron recibidos por Javier Acebrón, xerente de Acebron Group, referencia empresarial no sector industrial, cun equipo de máis de 100 empregados de elevada cualificación, o que lles permite contar con clientes en moitas partes do mundo (Francia, Noruega, Suiza, Dinamarca ou Alemania)e proporcionar suministro a sectores estratéxicos como: as industrias naval, agroquímica, nuclear, eólica, militar ou aeronáutica.

Unha vez finalizada a comida nun establecemento hostaleiro do municipio, a visita continuou como é habitual polos principais recursos do patrimonio industrial e cultural, permitindo descubrir aos futuros historiadores e xeógrafos, o casco medieval, o lago mineiro, o encoro da Ribeira, a fábrica da luz ou muíño de Prieto, os poboados da Fraga e O Barreiro. Rematando nunha foto de grupo na estatua adicada ao ilustre emprendedor pontés e fundador da Estrella Galicia, Don José María Rivera Corral.

A profesora coordinadora da visita a As Pontes e docente da materia de 3º curso, Territorio e Paisaxe, Elena de Uña Álvarez, expresou a súa satisfacción polo aporte teórico-práctico deste tipo de saídas formativas, e mostrou o interese en repetir a experiencia con outros grupos de estudantes universitarios.