As Pontes, 30 novembro de 2018. O Concello de As Pontes presentou, onte, os resultados obtidos no programa Compost da Casa, levado a cabo coa colaboración de Sogama e 50 familias pontesas, no que se combinou a compostaxe doméstica tradicional e a vermicompostaxe.
A concelleira de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, Montserrat García, definiu o programa “como unha experiencia exitosa”, durante o acto de entrega dos resultados das 50 analíticas, realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela, do abono obtido por cada unha das familias participantes no proxecto.
Durante este acto, que contou cunha numerosa presenza de veciños e veciñas, García sinalou que “o programa pontés é único porque é a primeira vez que, ó abeiro dun programa de compostaxe promovido por unha administración local, se envía unha mostra do compost de cada un dos participantes para analizar. Debido ó sistema de traballo empregado e ó rigor co que se levou a cabo a iniciativa no noso concello, considerábamos esencial coñecer polo miúdo todos os resultados”
As analíticas amosaron que o 90% do compost obtido é de alta calidade, cunha óptima relación entre carbono e nitróxeno, e cumpre cos requisitos impostos pola normativa vixente para poder ser aplicado, con todas as garantías e sen restricións, como abono agrícola.
Neste encontro tamén se fixo pública a información sobre o volume de residuos domésticos orgánicos recuperados polas familias pontesas implicadas no proxecto, durante os noves meses que durou o mesmo. “Se a experiencia se estendese entre toda a veciñanza do municipio, cada ano, poderían recuperarse preto de 2.300 toneladas de lixo orgánico, co conseguinte impacto positivo para o medio ambiente e un importante aforro económico para o Concello de As Pontes”, apuntaron os técnicos, que tamén recordaron que o obxectivo da Unión Europea é chegar a alcanzar o tratamento do 65 por cento dos residuos, unha cifra que no conxunto de España é do 30% e en Galicia non supera o 15 por cento.
Á vista dos resultados, Montserrat García quixo felicitar a todos os participantes nesta experiencia piloto polos excelentes resultados obtidos e pola súa implicación e compromiso co programa. A concelleira agradeceulles, ós técnicos de Ecocelta e Deloga, o bo traballo e a súa dedicación ó longo de todo o proxecto e animou ós veciños a seguir poñendo en valor a materia orgánica a través da súa reciclaxe en orixe e participando, de xeito activo, no coidado do medio ambiente para avanzar cara unha xestión máis sostible dos residuos apostando por unha economía circular.
“Reducir a produción de lixo, aproveitar ó máximo os produtos, impulsar a reciclaxe, transformar os residuos en recursos é unha prioridade para o Concello de As Pontes e, precisamos da colaboración de toda a veciñanza para avanzar cara ó pobo que desexamos. É unha responsabilidade compartida velar polo coidado da nosa contorna para garantir o futuro de As Pontes” remarcou a edil.
Ó remate do acto, debido á boa marcha do programa, ós resultados obtidos e á solicitude de máis composteiras por parte das familias participantes así como ó interese que mostrou a veciñanza pola iniciativa, o Concello repartiu 60 composteiras e vermicomposteiras e guías informativas sobre o seu uso entre todos os asistentes ó acto que as desexaron.
A concelleira anunciou que todo aquel veciño/a que desexe sumarse a esta iniciativa pode achegarse ata o Punto Limpo Municipal a recoller unha composteira e aportar, deste xeito, o seu gran de area ó coidado medioambiental do municipio.
No mesmo acto, García fíxolles entrega dunha placa de madeira ós integrantes de Brigadas Verdes en recoñecemento da labor levada a cabo polo colectivo ecoloxista xuvenil e a súa contribución o coidado da contorna medioambiental do municipio. A edil amosou de novo o orgullo que o Concello de As Pontes sinte pola súa mocidade e o compromiso que teñen co seu pobo, agradecéndolles o seu traballo e reiterando o apoio do goberno municipal para que poidan continuar desenvolvendo o seu labor, voluntario, de retirada de lixo nos espazos públicos do municipio.
COMPOST DA CASA
Compost da casa é un programa pioneiro en Galicia, que se puxo tamén en marcha nos concellos de Carballo e Narón, no que participaron medio centenar de fogares ponteses, localizados no centro urbano e nas parroquias de Ribadeume, Bermui, Goente, San Pedro de Eume, A Faeira, Espiñaredo, o Freixo e Aparral e no que tamén estiveron implicados a Escola Infantil A Barosa e o Centro de Educación Especial ASPANAES.
Era un dobre programa de compostaxe, que puxo a disposición dos veciños un total de 53 composteiras; 28 caixóns de compostaxe doméstica tradicional e 25 composteiras de vermicompostaxe, que permiten a descomposición de residuos orgánicos mediante o uso de miñocas para obter un fertilizante de maior rendemento e gran calidade
Compost da Casa tiña como obxectivo concienciar á veciñanza sobre as vantaxes da xestión sustentable dos residuos domésticos e urbanos, promovendo un cambio de hábitos no que se dá prioridade a novos usos que impulsan o coidado da contorna natural e o crecemento sustentable.