• O Concello intensificará as medidas de vixilancia e acceso ó edificio
  • As instalacións permanecerán pechadas mentres se arranxan os danos

 As Pontes, 3 de decembro de 2018. O Concello presentou está maña, no cuartel da Garda Civil de As Pontes, unha denuncia polos actos vandálicos producidos no edificio polivalente do Hexágono, durante a madrugada do sábado, onde se orixinou un incendio nun dos aseos e se prendeu lume a unha das cámaras de seguridade instaladas no local.

Esta mañá técnicos municipais acudiron ata o edificio para valorar a contía dos danos e a Policía Local xa está revisando as gravacións das cámaras de seguridade co obxectivo de tratar de esclarecer os feitos e atopar ós causantes do incendio.

Desde o Concello, o alcalde, Valentín González Formoso, amosou o seu gran malestar e indignación ante este tipo de actuacións. “Estas instalacións son de todos os ponteses e pontesas, estamos ante un acto que atenta contra o noso patrimonio, contra toda a veciñanza. Cada ano, o Concello de As Pontes realiza un enorme esforzo na conservación, mantemento e recuperación de espazos para o uso e goce de todos os veciños e veciñas do pobo e este tipo de actos incívicos son intolerables, dánanos a todos”.

Asemade González Formoso instou os autores a que antes de actuar pensen en que as instalacións son públicas e todo o que se faga contra elas reverte en cada un dos veciños e veciñas de As Pontes.

O edificio conta na actualidade con varias cámaras de seguridade preventivas, cun efecto disuasorio, para previr e actuar ante calquera tipo de feito delituoso pero debido ó acontecido durante a madrugada do sábado, González Formoso subliñou que “os actos vandálicos rexistrados no Hexágono reafirman a necesidade de contar con este tipo de cámaras nos edificios públicos e, para evitar que se volvan a repetir, a partir de hoxe, quedará prohibido o acceso ó edificio a partir das 22:00 horas e será a Policía Local a que, cada día, se encargue de supervisar as instalacións”.

Por outra banda, o alcalde anunciou que as instalacións permanecerán pechadas mentres se arranxan os danos e pediu desculpas a todos os seus usuarios polas molestias que lles poida causar este incidente.

No edificio polivalente do Hexágono desenvolven, na actualidade, as súas actividades o Club de Montaña Monte Caxado, o Club de Atletismo Olympo, o grupo cultural Alende, Quemaistén Teatro, A Asociación de Amigos da Madeira de As Pontes, a Federación de Anpas Abrente, os clubes de ciclismo de As Pontes- Vilalba e o Btt do Eume, a Asociación Pito Dobre, Cabaleiros do Eume e os locais de ensaio onde grupos de música gardan os seus instrumentos.

Actos vandálicos no Hexágono