As Pontes, 18 xuño de 2018. Máis de 20 familias, que participan no programa Compost da Casa, posto en marcha polo Concello de As Pontes en colaboración con Sogama, asistiron o venres, 16 de xuño, a unha xornada formativa, impartida polos técnicos responsables do proxecto, para avaliar o seu grado de implantación, compartir experiencias, resolver dúbidas e coñecer ós primeiros resultados.

Durante esta xornada formativa os participantes contaron as súas propias experiencias e afondaron en cuestións relacionadas coa localización das composteiras, a frecuencia coa que aportan materia orgánica, a tipoloxía da mesma así como os problemas xurdidos durante o proceso de compostaxe.

Este é segundo encontro que as familia pontesas manteñen cos técnicos do programa tras as tres visitas que recibiron nos seus propios fogares e nas que obtiveron apio personalizado sobre as técnicas de compostaxe o que lles permitiu aprender todos os detalles sobre o proceso para lograr un abono de alta calidade.

Compost da casa é un programa pioneiro en Galicia, na actualidade en marcha en tres concellos galegos, no que participan medio centenar de fogares ponteses, localizados no centro urbano e nas parroquias de Ribadeume, Bermui, Goente, Espiñaredo, o Freixo e Aparral e no que tamén están implicadas a Escola Infantil A Barosa e o Centro de Educación Especial ASPANAES.

Trátase dun dobre programa de compostaxe, que puxo a disposición dos veciños un total de 53 composteiras; 27 caixóns de compostaxe doméstica tradicional e 27 composteiras de vermicompostaxe, que permiten a descomposición de residuos orgánicos mediante o uso de miñocas para obter un fertilizante de maior rendemento e gran calidade.

Monsterrat García, presente nesta reunión de traballo agradeceu a todas as familias participantes a súa implicación neste proxecto. “Por medio deste dobre programa de compostaxe, o Concello de As Pontes busca avanzar cara unha xestión máis sustentable dos residuos urbanos e promover un cambio de ámbitos entre os veciños nos que se dé prioridade ás tres erres; reducir, reutilizar e reciclar e, os primeiros resultados amosan que imos en boa dirección.

Compost da casa é unha experiencia piloto que aposta por minimizar a produción de refugallos, sacarlle o maior partido posible á materia orgánica a través de súa recuperación en orixe e impulsar a súa reutilización, transformando os residuos en recursos, dándolles novos usos que promoven o coidado do entorno natural e un crecemento sustentable.

Este programa súmase a outras campañas informativas, formativas e de concienciación postas en marcha polo Concello de As Pontes a través da Ecoescola de As Campeiras, un espazo no que o residuo se pon en valor, traballando no sistema de recollida selectiva, para promover o coidado e o respecto polo medio ambiente entre todos os veciños.