As Pontes, 17 de outubro de 2019.  O Mercado de Oportunidades Vila das Pontes celebrará os días 26 e 27 de outubro, coincidindo coa XXX Feira de Fungos e Cogomelos, a súa XII edición con récord de participantes.

Serán 23 os establecementos que participarán nesta iniciativa, organizada pola Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Consumo coa colaboración da Asociación de empresarios, comerciantes e hostaleiros COHEMPO, a través da que goberno local quere contribuír á dinamización do sector e á promoción das compras no comercio de proximidadade para aumentar a súa competitividade.

En palabras de Elena López, responsable da área “o MOVA é unha excelente oportunidade para que os establecementos comerciais ponteses poidan incrementar a súas vendas e fidelizar novos clientes mentres que á veciñanza e visitantes doutros municipios se lles ofrece a oportunidade de descubrir novos establecementos e gozar de atractivas ofertas comerciais, incentivando deste xeito o comercio de proximidade e poñendo en valor a atención ao cliente e o servizo personalizado” 

O mercado estará aberto, o sábado en horario de mañá, desde ás 10:00 ás 15:00 horas e, en horario vespertino desde ás 16:30 horas ás 19:00 horas e o domingo, de xeito ininterrompido, desde ás 10:00 ás 19:00 horas. 

Entre outros, estarán instalados postos de roupa infantil, moda de muller, deportes, agasallos, calzado, complementos, papelería, perfumería, ópticas, roupa de fogar e produtos agrocomerciais que ofrecerán descontos e promocións especiais nos seus produtos.

Entre todos os compradores, o sábado e o domingo, ás 18:00 horas, realizarase un sorteo de seis vales, tres cada día, por valor de 100 euros, para gastar nos establecementos que participan nesta nova edición do MOVA.

Elena López fai ficapé na implicación, esforzo e compromiso dos comerciantes con esta iniciativa, respaldando a continuidade do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes e “amosando, un ano máis a súa aposta pola nosa vila e por un dos sectores fundamentais da economía pontesa”