As Pontes, 17 de agosto de 2021. O Lago das Pontes contará durante a xornada deste sábado cunha exhibición de papaventos. As compañías Velaivai e Torbellino e Ventolera farán voar neste amplo espazo e de forma ininterrumpida de 11 a 19 horas os seus diversos e coloridos papaventos.

A concelleira de Turismo, Elena López, sinala que “este evento pretende ser un atractivo turístico máis para a vila nun enclave que, por condicións climatolóxicas e físicas, é ideal para eles como xa o é para os deportes se realizan habitualmente alí como a vela, o windsurf ou o parapente”.

Os papaventos serán izados desde unha área restrinxida na zona de aparcadoiro a carón da praia, na parte baixa do Lago. Así permitirá que sexa perfectamente observable a simple vista desde diferentes puntos da contorna. É por iso polo que o acceso será libre, aínda que se prega evitar as aglomeracións, manter o distanciamento social, utilizar as máscaras e respectar as medidas sanitarias vixentes.

Este espectáculo visual está recomendado para todo o público en xeral, pero en especial para as crianzas, que poderán ver extraterrestres, polbos ou peixes de cores sucando o ceo pontés. Algunhas destas pezas chegan a medir até 30 metros de longo. As dúas compañías, tanto Velaivai, procendente da Coruña, como a madrileña Torbellino y Ventolera; teñen unha ampla e contrastada experiencia neste tipo de eventos que realizan en diversos lugares do país.

Esta primeira edición, que está marcada aínda pola pandemia, procura ser o primeiro paso para realizalo en vindeiras ocasións anualmente. Nesas próximas edicións está previsto engadir tamén obradoiros e outras actividades que permitan achegarse ao mundo dos papaventos en primeira persoa.