As Pontes, 16 de agosto de 2021. O Pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe, durante unha sesión extraordinaria, cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG, do PP e de Xuntas polas Pontes En Común, o orzamento xeral para o ano 2021, que ascende a 15.273.091,99 euros, así como o cadro de persoal, as bases de execución do propio orzamento, o plan económico financeiro, o estado de previsión de movementos, a situación de débeda e a liquidación do orzamento de 2020.

Durante a sesión plenaria, a concelleira de Facenda, Maite Méndez, fixo fincapé en que “ao igual que o orzamento do 2020, é unha proposta económica deseñada por e para a veciñanza na que se van desenvolver diferentes accións coas que se busca mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas das Pontes e permítenos manter saneada a economía municipal, cumprindo coas normas de estabillidade orzamentaria, períodos medios de pagamento e a normativa económica vixente”

Así, a concelleira de Facenda Méndez incidiu en que se trata dun orzamento deseñado desde a prudencia e que “ten como obxectivo prioritario garantir o benestar social e o acceso a servizos, de calidade, de toda a veciñanza a través de diversas accións promovidas desde as diferentes concellerías”

Nese senso, Maite Méndez destacou que os gastos previstos polo Concello das Pontes para a compra de bens correntes e servizos ascenden a 7.029.871 euros, o que supón o 46,03% do orzamento, correspondendo 2.731.598 euros a servizos públicos básicos tales como seguridade e mobilidade cidadá, vivenda, urbanismo, medio ambiente e servizos como a recollida de residuos urbanos sólidos.

Por outra banda, 1.706.726 euros corresponden a actuacións en materia de protección e promocional social coma o servizo de axuda no fogar, o programa de emerxencia social, as axudas para os estudos ou os programas de atención temperá, entre outros.

Preto de 1,4 millóns de euros irán destinados a actuacións en materia de sanidade, educación, cultura, deporte e tempo de lecer mentres que algo máis de 787.000 euros irán dedicados a actuacións de carácter xeral tales como transporte, infraestruturas ou comunicacións.

O orzamento aprobado inclúe unha partida de 1,7 millóns de euros detinados a subvencións para a realización de actividades de interese educativo, cultural e /ou deporttivo, para as asociacións veciñais así como as relativas a emerxencia social, ensino e achegas do Concello das Pontes a outras entidades como son a FEMP, a FEGAMP ou a FAEPAC así como a asginación aos grupos políticos e outras axudas.

Áreas de gasto

O orzamento aprobado pola corporación municipal divídese en cinco grandes áreas de gasto, que establece os obxectivos e finalidades que persegue o grupo de goberno para o ano 2021.

Así, 3,9 millóns de euros irán destinados aos servizos públicos básicos, de obrigada prestación por parte do Concello e dentro dos que se engloban servizos como a seguridade e a mobilidade cidadá, a luz, o servizo de abastecemento e saneamento, o servizo de recollida de lixo e tratamento de residuos sólidos urbanos ou o mantemento de parques, zonas verdes e o lago, entre outros.

As actuacións en materia de protección social e promoción social, dentro das que se inclúen as pensións do persoal do Concello, a atención a grupos con necesidades especiais así como medidas de fomento do emprego, terán un orzamento 2,7 millóns de euros.

Todos aqueles gastos que realiza en Concello das Pontes en materia de sanidade, educación, cultura, deporte, lecer e tempo libre, e en xeral todas aquelas actividades e actuacións destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas englóbanse dentro da área de gasto de produción de bens públicos de carácter preferente e ten unha dotación orzamentaria que rolda os 3,7 millóns de euros

Por outra banda, todas aquelas actuacións económicas, dirixidas a potenciar os distintos sectores de actividade así como os gastos en infraestruturas básicas e de transporte, infraestruturas agrarias, comunicacións, investigación ou desenvolvemento e innovación terán unha consignación no orzamento que rolda os 1,5 millóns de euros

Finalmente, a todas as actuacións de carácter xeral que afectan ao funcionamento diario do Concello irán destinados 3,4 millóns de euros. Maite Méndez subliñou que no capítulo dos investimentos que están previstos realizar durante este exercicio polo Concello das Pontes, algo máis de 700.000, permitirán acometer diversas obras tanto no ámbito rural como no casco urbano.

Ingresos

O orzamento para o ano 2021 prevé uns ingresos, en base á evolución dos ingresos recabados nos últimos anos e baixo o criterio de prudencia, de 15.273.091,99 euros procedentes de impostos directos (IBI, BICES ou IVTM) e indirectos (ICIO), a cobranza de taxas e outros impostos (servizos deportivos, servizos educativos, servizos culturais, licenzas urbanísticas, etc), as transferencias correntes realizadas por outras administracións así como os ingresos patrimoniais (arrendamentos leiras urbanas, concesións administrativas, etc.)