As Pontes, 5 de agosto de 2021. O Lago das Pontes convértese esta fin de semana no escenario da primeira edición do ‘Beach Rugby 5 Vila das Pontes’. Esta competición reunirá a máis de 200 deportistas que estrearán a pista multideportiva de area que recentemente se construíu na zona sur do espazo recreativo do lago.

Chicho Tembrás, concelleiro de Deportes, durante a presentación do evento amosou un “profundo agradecemento ao Club de Rugby Fendetestas pola organización dun torneo que se leva preparando dous anos e que foi culminada coa rápida construción da instalación deportiva”. O responsable da área de deportes tamén recomenda “que se acheguen tódalas persoas a desfrutalo, xa que é un espectáculo dunha disciplina que está en auxe e que non se pode desfrutar de xeito habitual pola contorna, sendo unha gran oportunidade para achegarse a As Pontes e coñecer o lago”.

O torneo contará co participación de oito equipos na categoría feminina e oito na masculina, conxuntos de gran nivel que proceden doutros lugares da xeografía española como Burgos, Comunidade de Madrid ou Asturias. Estes equipos están formados por xogadores e xogadoras dunha gran calidade, contando nas súas filas con campións de España Sub-23, membros da selección española ou xogadoras do CRAT, que veñen de ser campioas de España. Tamén se atopan deportistas profesionais procedentes doutros países como Xeorxia ou Arxentina. A eles engádeselle un equipo arbitral formado por representación estatal e cos mellores colexiados de Galicia.

O evento comezará mañá venres coa recepción aos equipos participantes, unha presentación e o sorteo dos grupos. A xornada do sábado iniciarase coa realización dun test de antíxenos a participantes, equipo arbitral e organización co obxectivo de crear unha burbulla para poder competir de forma segura. Ás 10:30h comezará a competición, co primeiro partido dos que se desenvolverán de forma ininterrompida ata as 20 horas, momento no que se disputarán as finais. Cando finalice, realizarase a entrega de trofeos e o terceiro tempo, no que os equipos participantes gozarán dunha cea conxunta amenizada polo grupo Malditos Pendejos, na que se cumprirá coa normativa Covid-19.

O público que desexe asistir ao torneo, limitado a 150 persoas de aforo, terá que mercar unha entrada na páxina web do club organizador do evento cun custo de cinco euros e coa que se inclúe máscara e vaso reutilizable. Para garantir a seguridade sanitaria do evento, unha vez se merquen os tíckets, remitirase por mail un cuestionario para cumprimentar cos datos persoais. Asemade, as persoas asistentes deberán permanecer sentadas e coa máscara posta en todo momento respectando a limitación de grupos de dez persoas.

O presidente do CR Fendetestas, Toño Ferreiro, destaca a “realización das obras do areeiro en tempo récord e o agradecemento ás áreas implicadas do Concello e aos patrocinadores para levar a cabo un evento que dá o seu primeiro paso e que esperemos dure moitos anos”. Pola súa parte, o organizador e tamén membro do club, Joel Carballeira, incide en que “se trata dunha disciplina en auxe, doada de seguir e entender para o público xeral, cun grande dinamismo. Asemade, os estritos protocolos anti-covid garanten que se poida desputar e desfrutar de forma segura”.

Desde a organización convidan á veciñanza das Pontes e comarca a desfrutar desta competición puntuable para as series españolas e que reunirá ao mellor rugby do panorama nacional na nosa vila.