Esixe a convocatoria inmediata da mesa de traballo

Rexeita as formas empregadas polo grupo Enel con As Pontes

As Pontes, 27 de setembro de 2019. O grupo de traballo local por unha transición xusta, durante unha rolda de prensa celebrada esta mañá no Concello das Pontes e na que estiveron presentes todos os axentes implicados no futuro mantemento do complexo eléctrico de Endesa nas Pontes –os grupos políticos municipais, PSOE, BNG, PP e Xuntas por As Pontes-En Común, a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo), a Asociación de Empresarios Seara, as forzas sindicais UGT, CC.OO. e CIG, o comité de empresa de Endesa e a Asociación de Transportistas do Carbón de As Pontes- esixiu coñecer oficialmente os resultados das probas de hibridación do combustible na térmica do municipio.

O rexedor local, Valentín González Formoso, explicou que esta esixencia xorde en resposta á nota de prensa publicada o martes nos medios de comunicación respecto ás probas que estaba facendo Endesa no complexo térmico das Pontes.

Unhas probas, que tal e como recordou o alcalde, consistían en intentar minimizar a presenza de CO2 na combustión das caldeiras para pode facer máis competitiva a central térmica das Pontes e entrar no mercado coa intención de asegurar unha transición xusta que afectara o menos posible a todos os colectivos afectados, tanto aos traballadores da empresa principal, como das compañías auxiliares e aos transportistas do carbón, así como a outros sectores.

«Onte, polos medios de comunicación, enterámosnos de que, segundo Endesa, esas probas son fallidas, que non é viable nin técnica nin economicamente a continuidade do complexo das Pontes» indicou o rexedor local.

González Formoso, en nome do todos os membros do grupo local de traballo por unha transición enerxética xusta rexeitou, de forma rotunda, «as formas dunha empresa que leva operando desde os anos 70 nesta vila que trouxo moito progreso a esta vila pero que leva ingresado máis de 5.000 millóns de euros durante a súa presenza nas Pontes, que conformou a paisaxe e que foi capaz de modificala, que trasladou poboacións completas, que expropiou lugares. Unha vila que non merece esta falta de respecto por parte de Endesa non esperando a convocar a mesa de traballo, na que se acordaron a realización destas probas, para manifestar os resultados das mesmas».

Por outra banda, o grupo de traballo local por unha transición xusta tamén esixiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica a convocatoria desta mesa de traballo, á maior brevidade posible, xa que en palabras de González Formoso «entendemos que é imprescindible para coñecer oficialmente os resultados das probas de hibridación de combustibles por parte de Endesa. Nós temos outro tipo de información pero, en calquera caso, todas están sumidas nun escenario de desconfianza absoluta cara unha empresa que foi pouco transparente neste proceso e ademais queremos dar a nosa opinión sobre como se estiveron a facer as cousas neste complexo».

Finalmente, o grupo de traballo local esixiu a implicación do goberno de España e da Xunta de Galicia para que poñan claro a Enel «que é un operador dependente do mercado regulado polo Estado español e para que teñan un papel máis activo na procura de solucións para estas cuestións».

«Nós somos realistas, non somos hooligans de nada, sabemos que o proceso é moi complexo, sabemos que as decisión multinacionais se toman a nivel mundial, sabemos que o carbón é un combustible a extinguir en todo o mundo pero en calquera caso a transición xusta implica compromiso por parte de Endesa, das Administracións. Creemos que se pode lograr se hai vontade e compromiso» concluíu o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.