As Pontes, 21 de outubro de 2022. A concelleira de Industria, Ana Pena, mantivo onte, xunto a dous representantes de Reganosa, un encontro con Emilio Nieto, director do Centro Nacional do Hidróxeno para presentarlle o proxecto de creación dunha planta de hidróxeno verde no municipio.

Ana Pena sinalou que este tipo de contactos están a manterse de forma habitual sinalando que é “a nosa obrigación e o noso deber, polo interese do municipio, facilitar colaboracións e prestar todo o apoio necesario para impulsar o proxecto no que traballan Reganosa e EDP Renovables. Este encontro responde a esta finalidade, buscamos que o Centro Nacional do Hidróxeno, hoxe representado por Emilio Nieto, poida coñecelo en primeira persoa e avaliar a posibilidade de establecer sinerxias”

A concelleira de Industria agradeceu a colaboración das empresas promotoras desta iniciativa, ofrecendo información, de forma case diaria, sobre todos os avances que se están producindo nun proxecto que debido a gran importancia e transcendencia que ten, non só para As Pontes e a comarca, senón tamén para todo o territorio autonómico, foi declarado proxecto estratéxico hai apenas 45 días. Unha figura que se introduciu na última modificación da Lei do Solo, que pon o foco en axilizar os procedementos administrativos”

Pola súa banda, Emilio Nieto sinalou que se trata da primeira planta que se está promovendo en Galicia e “ grazas á invitación do Concello puiden coñecer de primeira man o proxecto. Nesta primeira reunión expuxéronme as distintas fases dun proxecto, ideado para producir hidróxeno que poderá ser usado nas diferentes industrias anexas para poder reducir o consumo actual de todos os procesos que teñen con consumos carbónicos”

Tamén sinalou que “ o hidróxeno é unha tecnoloxía que leva usando máis de dous séculos, xa Julio Verne na súa obra a Illa Misteriosa, no ano 1876, dicía que a auga nun futuro ía ser combustible, ou ben como auga ou como o seu compoñentes elementais, hidróxeno e osíxeno. Agora parece que chegou o momento do despregamento da economía do hidróxeno”