As Pontes, 21 de outubro de 2022. A Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, visitou esta tarde, acompañada do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o Concello das Pontes.

O alcalde, Valentín González Formoso, que exerceu como anfitrión, agradeceu o esforzo da Ministra para facer un oco na súa axenda e achegarse ata o municipio, destacando que se trata dunha visita moi importante para unha localidade que se atopa en proceso de transición “nun momento no que despois de moito esforzo, cunha forte mentalidade industrial, atesourada ao longo de 50 anos, parece que imos seguir sendo unha referencia no ámbito da industria pesada”

“Somos o principal complexo eléctrico do Estado a día de hoxe, somos capaces de xerar enerxías con tecnoloxías moi variadas e cunha mentalidade industrial que é preciso preservar e que fai que os proxectos industriais teñan o respaldo da sociedade. Que hoxe poidamos estar falando de proxectos tan importantes como unha planta de hidróxeno, unha fábrica de papel tisú ou unha fábrica de pneumáticos de última xeración é ilusionante”, engadiu o rexedor local

González Formoso lembrou que son proxectos que nalgúns caso van precisar de autorizacións do Estado, en todos os casos de autorizacións autonómicas, en algún reforzo económico por parte do Estado e en  todos reforzo económico autonómico así como a implicación municipal. “Esa mistura vaise dar e, probablemente, gocemos dunha inversión de 1.300 millóns de euros nos próximos anos, que xunto con Navantia, farán que esta comarca rexurda outra vez como o que foi e como o que non quere deixar de ser: un polo industrial de referencia en Galicia”, concluíu o alcalde.

Pola súa banda, a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, resaltou que “a comarca está sufrindo unha transición e ten que ver o futuro con optimismo e para iso son precisos enclaves, proxectos e é necesario establecer prioridades para poder financiar os proxectos que hoxe están sobre a mesa e que representan o futuro da comarca”

Maroto confirmou o compromiso por parte do Goberno para que esa transición veña acompañada de recursos, non só a través dos Fondos Europeos senón tamén a través dos orzamentos xerais do Estado, para que dalgunha maneira dean continuidade ao compromiso coa política industrial. “Estamos acelerando as transicións, os fondos europeos son unha oportunidade pero temos que consolidar tamén a política industrial para que se materialicen os proxectos, se creen novos empregos, novas ilusións de familias que optaron por esta comarca para desenvolver o seu proxecto de vida” indicou a ministra de Industria.

Así mesmo,Maroto solicitou o compromiso por parte de todas as Administración para que as autorizacións, tanto por parte do goberno como da Xunta de Galicia, para que as licenzas municipais, para que as liñas de investimento sexan unha prioridade “esperando que poidamos escribir esa transición con maiúsculas felicitándonos de que fomos quen de xerar a confianza, cun esforzo colectivo, para que de novo, en As Pontes e nesta comarca, a industria sexa presente pero, sobre todo, sexa futuro e  estea vinculada á transición ecolóxica, na que estamos comprometidos, e que pode ser unha oportunidade para falar de novos empregos, de novas empresas, e para facelo desde o corazón da industria galega, desde As Pontes”.