As Pontes, 20 de outubro de 2022. O Concello das Pontes instalará un sistema de climatización e de renovación no Auditorio Municipal “Cine Alovi”, instalación da que carecía, ata o momento, o equipamento muncipial.

O proxecto, cun orzamento de 45.700 euros que será financiado a través dunha achega autonómica, permitirá substituír a caldeira de gasóleo e os radiadores de ferro fundido repartidos por toda a infraestrutura, insuficiente e incapaces de climatizar o auditorio municipal, para mellorar deste xeito a sensación térmica e o confort climático do público.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca apunta que “con este proxecto dotamos ao auditorio municipal dunhas instalacións mellores e máis modernas, cun consumo enerxético menor que suporá un aforro do 70%. Con este tipo de investimentos queremos reafirmar ao auditorio municipal como punto de referencia para a cultura pero tamén convertelo nun espazo cun posicionamento claro no ámbito da eficiencia enerxética”.

Por outra banda, o sistema de renovación do aire, xemelgo ao instalado na Casa Dopeso, respectará as características do edificio e a súa antigüidade ao tempo que cumpre cos requisitos derivados da experiencia da Covid19, collendo o aire do exterior, climatizando e renovando o aire interior para, a continuación volver expulsalo ao exterior.

O obxectivo da intervención no Auditorio Municipal “é dar un mellor servizo ás persoas usuarias, proporcionar as infraestruturas necesarias que permitan a realizacion de espectáculos culturais nunhas condicións ambientais axeitadas coa premisa de maximizar o aforro enerxético, mellorar o funcionamento da instalación e reducir a incidencia de avarías técnicas” destaca o concelleiro, Vicente Roca.