As Pontes, 24 de xuño de 2024. A semana pasada, a  concelleira de Industria Ana Pena, acompañada do primeiro tenente de alcalde, Antonio Alonso, visitaban o entorno do lago das Pontes para coñecer de primeira man como se estaban a desenvolver as accións formativas impartidas pola empresa vilalbesa “Grupo Forma-t”.

Dedicados dende hai máis dunha década a todo tipo de formación e consultoría, o Grupo Forma-t segue ampliando a súa actividade, especializándose nos últimos tempos en sectores como o eólico mariño, que require unha grande demanda de formación, tanto na capacitación e tecnificación dos operarios, como nas medidas de seguridade a implantar, tales como navegación ou rescate. E precisamente son estas as actividades formativas que se desenvolveron ao longo desta última semana no entorno do lago, habilitado para tal fin con embarcadoiros e equipamento como lanchas, motos acuáticas, ou mesmo un barco de rescate.

A concelleira de Industria, Ana Pena, manifestaba a súa satisfación pola chegada da empresa vilalbesa ao concello das Pontes, con intención de quedar, xa que “o eólico é agora mesmo un sector estratéxico, que está destinado a ser o futuro de Galicia. Para nós é importante que unha empresa como Forma-t, punteira a nivel mundial neste sector, veña desenvolver este proxecto tan ambicioso ás Pontes”

Antonio Alonso, primeiro tenente de alcalde, sinalaba que dende o Concello “sempre dixemos que o lago, ademáis da súa vertente de aproveitamento recreativo, tén que ser compatible coa actividade industrial e a xeración de emprego”.

Pola súa parte, Iván Fernández, xerente do Grupo Forma-t, confirmaba as palabras da concelleira de Industria; por unha banda, o enclave do lago das Pontes é un lugar idóneo para desenvolver este tipo de formacións relacionadas con sector eólico mariño; e tras realizar unha elevada inversión para a creación das infraestructuras e instalacións necesarias, a intención da empresa é quedar nas Pontes e convertelo nun enclave que sexa referente neste sector.