As Pontes, 14 novembro de 2018. O concelleiro de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén ven de asinar o convenio de colaboración co presidente da Asociación de Alcólicos Adiante, Salvador Baamonde.

A través da sinatura deste convenio, o goberno local amosa, una vez máis, o seu compromiso co tecido asociativo local, especialmente con aquelas entidades orientadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e supón, ó mesmo tempo, un recoñecemento á boa labor que Adiante leva a cabo na vila, concienciando e informando á veciñanza sobre a repercusión social dos problemas relacionados co consumo de alcol.

Neste sentido José Alen subliñou que: “o alcolismo é unha adicción que debido o seu impacto nos consumidores, no entorno familiar, laboral e mesmo en terceiras persoas nos afecta a todos e sen asociacións como Adiante, que leva case 30 anos loitando contra o alcolismo na nosa vila, non sería posible poder chegar a todas aquelas persoas que precisan axuda ”

A través deste convenio articúlase unha subvención nominativa, por un importe de 12.000 euros, destinada a cubrir os gastos de infraestruturas e equipamento derivados das obras de reforma do local social, situado na Rúa da Balsa. Asemade, o concelleiro quixo recordar que esta ubicación é temporal e que “desde o goberno local xa se traballa para buscar unha alternativa e facilitarlles unhas instalacións definitivas, axeitadas ás súas necesidades, para que poidan continuar exercendo a súa labor, con todas as garantías”.

No marco da sinatura deste convenio, Alén aproveitou para facer un chamamento ós veciños e veciñas da vila a participar na actividade organizada por Adiante con motivo do Día Mundial Sen Alcol que se celebra, mañá, 15 de novembro. A cita será, ás 18:00 horas, no local social da entidade e proxectarase o filme “ La Primavera”.

 

Dia sen alcol

O día 15 de novembro celébrase o Día Mundial Sen Alcol, unha data instaurada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) na década dos anos noventa co obxectivo de reflexionar e concienciar, ó conxunto da sociedade, sobre a problemática que representa a adicción ó alcohol e as súas consecuencias, especialmente entre os menores.