As Pontes, 13 de novembro de 2020. O Concello das Pontes manifestou, hoxe, o seu rexeitamento ao inicio do proceso de traslados da plantilla posto en marcha por Endesa e o incumprimento dos compromisos adquiridos pola Dirección da empresa en relación á asignación de novas prazas para todos aqueles traballadores e traballadoras que se vexan afectados polo peche da central térmica.

A responsable de industria, Ana Pena, subliña que “non existe unha data de peche da central e Endesa xa asignou destino a 53 persoas, que deberán incorporarse aos seus novos postos de traballo no mes de xaneiro. Só nun 36% dos casos a asignación de novos destinos responde ás demandas das persoas traballadoras, no resto dos casos obríga a decidir entre aceptar o destino, abandonando a súa vida persoal e familiar, ou engrosar as lista de desemprego.”

Nese sentido, Ana Pena, fai fincapé en que “a empresa debe paralizar, de xeito inmediato, este proceso de recolocación, cumprir cos compromisos adquiridos no Acordo de Recolocación, garantir as necesidades do persoal. É inadmisible que tome este tipo de decisión cando aínda non se coñecen os resultados do estudo de viabilidade técnica, económica e medioambiental das probas con biocombustiles e máis cando a empresa adquiriu o compromiso de buscar alternativas viables para As Pontes”

Por outra banda, o Concello das Pontes amosou o seu apoio ao Comité de Empresa así como aos traballadores e traballadoras da central térmica en todas aquelas accións de demanda da paralización do proceso de recolocacións, en aras a velar polos intereses socioeconómicos da comunidade veciñal.