As Pontes, 3  de xullo de 2019. O Concello das Pontes está a traballar na posta en marcha de medidas que permitan desbloquear a situación da central térmica e que xa suma dous meses de inactividade.

Mañá, unha delegación, encabezada polo alcalde Valentín González Formoso, e a concelleira de Emprego, Ana Pena; xunto co presidente do Comité de Empresa, Luis Varela; e o presidente da Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón (A.C.T.C), Manuel Bouza, manterán un encontro en Madrid, con responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica, coa intención de buscar medidas que podan paliar a situación actual da central térmica.

Segundo apuntou a edil de Industria e Emprego, “o elevado prezo que o mercado está a marcar polas emisións de CO2 provoca que as centrais de carbón se atopen inoperativas, co gran prexuízo que iso supón, sobre todo en zonas coma As Pontes, onde a térmica é un dos principais eixos da economía local”.

En verbas da concelleira, é necesario defender a produción de enerxía eléctrica, non só polo futuro do municipio pontés, senón tamén dos concellos de toda a comarca, que se están a ver afectados por este parón na produción, “con medidas que permitan regular estes elevados prezos, dun xeito xusto ou coa posta en marcha de políticas que permitan levar a cabo unha transición menos prexudicial para os que viven deste sector”.

O executivo local amosa novamente o seu compromiso á hora de defender a actividade na central térmica e que se suma ás diferentes reunións mantidas, nestes días, coa dirección da central térmica, o comité de empregados da eléctrica e os colectivos afectados, como é o caso dos transportistas.  Neste sentido a edil fixo fincapé en que “se trata dunha situación que afecta a todos e na que As Pontes e a comarca se xogan o seu futuro”

Por outra banda, o  presidente da  Asociación de Transportistas do Carbón de As Pontes ‘Cholo’ Bouza fai un chamamento a todos os veciños e veciñas para que acompañen ao colectivo dos transportistas na marcha que partirá, o martes, 9 de xullo, desde As Pontes cara a Madrid, para realizar unha manifestacion diante do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Todos os ponteses e pontesas que desexen acompañar ós transportistas poden anotarse, mañá e o venres, no Concello.