As Pontes, 16 de marzo de 2020. O Concello das Pontes decretou hoxe os servizos esenciais, con motivo do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en todo o territorio nacional, para garantir o funcionamento da administración local durante a súa vixencia.

Desde o Concello das Pontes sublíñanse que “a situación existente, require da adopción de medidas inmediatas e eficaces para facer fronte a esta situación, que permitan conciliar a prestación do servizo público municipal coa protección da saúde dos empregados e empregadas municipais así como de todos os veciños e veciñas que requiran dos servizos das distintas áreas municipais”

A resolución da alcaldía establece que todos os trámites e xestións deberán realizarse por vía telemática ou telefónica a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.org e dos seguintes teléfonos: Casa do Concello (981 453 116), Rexistro Municipal (667 667 129 380/9), Servizos Sociais (981 441 008) e Policía Local (981 453 191)

En caso de non dispor de medios telemáticos e para os casos de urxencia, o Concello das Pontes atenderá presencialmente á veciñanza, sempre previa petición de cita telefónica. O horario de atención telefónica será de 09:00 a 14:00 horas.

Por outra banda, co obxectivo de garantir o axeitado funcionamento das unidades administrativas e servizos municipais e minimizar o posibles contaxios no ámbito laboral, funcionarán a porta pechada os seguintes servizos esenciais: rexistro municipal, servizos sociais, obras e servizos, recadación, estatística, pago a provedores, cemiterios e radio e televisión local, acudindo os empregados dos diferentes servizos a traballar en quendas.

Quedan excluídos do ámbito do decreto o persoal de Policía Local e Protección Civil que estará ao dispor da autoridade competente de conformidade co disposto no articulo 4 e 5 do Real Decreto 463/2020.

Todo o persoal que non preste servizos de carácter presencial deberá permanecer dispoñible e localizable para reincorporarse aos seus postos de traballo de forma presencial se así se require por necesidades do servizo.

O decreto de alcaldía establece a suspensión das sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados municipais (Pleno, Comisión Informativas, Xunta de Goberno Local, etc) a excepción da comisión de seguimento do COVID-19 que estará integrada polo Alcalde, o concelleiro de Coordinación de Goberno, a concelleira de Recursos Humanos, a concelleira de Benestar Social, o concelleiro de Seguridade Cidadá o xefe da Policía Local e o responsable dos servizos de emerxencia e Protección Civil.

Desde o Concello, o grupo de goberno local apela á responsabilidade da cidadanía para respectar as indicación do estado de alarma e agradecen a colaboración das persoas que cumpren co confinamento nas súas vivendas xa que “o esforzo individual terá como resultado evitar a propagación do virus e o benestar e a saúde de todos e todas”.

Tamén recordan que o teléfono de atención sanitaria para cuestións relacionadas co COVID-19 é o 900 400 116 e que tan só en casos de urxencia deberán empregar o 061 e que non se debe acudir aos centros de saúde.