As Pontes, 16 de decembro de 2020. O pleno do Concello das Pontes aprobou inicialmente o Regulamento de Administración Electrónica co obxectivo adaptar o funcionamento do Concello das Pontes a un novo marco normativo de relación entre a administración e a cidadanía baseado no uso das novas tecnoloxía da información e da comunicación.

Lorena Tenreiro, concelleira responsable de Organización Interna, apunta que “buscamos, deste xeito, unha administración máis próxima, proactiva, dixital e transparente, avanzando cara un concello integramente dixital, con cero papel e interconectado, pero evitando en todo momento, a discriminación ou restricións para aquelas persoas que, por diversos motivos, non se poidan relacionar electronicamente coa administración local”

Así, o regulamento regulamento recoñece o dereito da cidadanía a esixir que o Concello da Pontes se dirixa a ela a través de medios electrónicos, gozar de contidos accesibles, a acceder a información administrativa a través de medios tecnolóxicos e a coñecer o estado de tramitación dos procedementos e ao mesmo tempo establece a obriga de relacionarse de xeito electrónico, para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, ás persoas xurídicas, ás entidades sen personalidade xurídica (asociacións, clubs, grupos políticos municipais, comunidades de bens…) ou a quen exerza unha actividade profesional que requira colexiación.

Con tales fins, o Concello garantirá o acceso á cidadanía aos servizos electrónicos a través dun sistema conformado por varias canles (punto de asistencia presencial e puntos de acceso electrónico tales como a sede electrónica, o punto xeral de facturas ou a plataforma de contratación do estado.

O regulamento tamén fixa os principios de funcionamento da sede electrónica, a súa estrutura, o contido dispoñible, as condicións de uso do taboleiro de anuncios, do cartafol da cidadanía así como a organización do portal web municipal e os seus requisitos de accesibilidade e establece o réxime xeral de funcionamento do Rexistro Electrónico Municipal

Este documento tamén establece as formas de identificación e sinatura electrónica que poderá empregar a cidadanía para acreditar a súa autenticidade e relacionarse coa administración local e recolle a posibilidade de que todas aquelas persoas que non dispoñan de medios electrónicos, identificación ou firma electrónica, esta poderá ser validamente realizada por persoal funcionario do Concello habilitado para estas cuestións previo consentimento da persoa interesada e así mesmo establece o listado de actuacións administrativas automatizada, realizada integramente a través de medios electrónicos, sen que sexa preciso que interveña persoal municipal tales como a expedición de certificados individuais e volantes de empadroamento.

O regulamento será de aplicación a todas as unidades funcionais e xestoras do Concello das Pontes así como as empresas adxudicatarias de servizos o concesión de servizos na súa relación coa cidadanía e aplicarase en todos os procedementos administrativos que tramite o Concello, nas relacións coa cidadanía que teñan carácter xurídico administrativo así como na consulta de información pública administrativa, entre outros aspectos.

Tras esta aprobación inicial, ábrese un prazo de información pública e audiencia ás persoas interesadas por un prazo mínimo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestión. No caso de que non se presentase ningunha reclamación, publicarase no BOP o texto íntegro de regulamento da Administración electrónica no Concello das Pontes entrando en vigor.