As Pontes, 23 de xaneiro de 2020. A proposta audiovisual, posta en marcha polo Concello das Pontes no ano 2017 pechou a súa terceira tempada cun novo éxito. Foron 9.775 as persoas que poideron gozar, durante o ano 2019, de cinema de estrea, sen saír do municipio, grazas á instalación na Casa Dopeso dun equipo de proxección dixital propio das salas cinematográficas comerciais.
Desde o goberno municipal, Vicente Roca, concelleiro de Cultura, sinala que “por terceira tempada consecutiva, as cifras acreditan o respaldo, por parte da veciñanza, a esta iniciativa. Desde a súa posta en marcha, no ano 2017, foron máis de 29.000 as persoas que pasaron pola Casa Dopeso e tiveron a oportunidade de asistir á estrea de 150 filmes”
Nese sentido o concelleiro apunta que o goberno local continuará con esta aposta que dá acceso a unha carteleira actual e en formato dixital, que se antoxaba inasequible, ofrecendo á veciñanza unha programación cinematográfica de calidade, propia das grandes cidades, deseñada para todos os públicos.
Asemade fai fincapé en que “esta proposta, unida a outras actividades programadas desde o Concello das Pontes, permítenos contar cunha ampla oferta cultural e garantir o acceso á cultura, en todas as súas manifestacións, tanto aos veciñas e veciños das Pontes como dos municipios da contorna”.
Ao longo do ano 2019 proxectáronse un total de 53 títulos, dos cales, dezaoito foron españois, 18 de procedencia europea e os 35 filmes restantes foron de Estados Unidos, que sumaron un total de 169 pases.
Os títulos que máis público lograron reunir foron, no caso das películas para o público infantil Dumbo, con 5 pases e 541 espectadores/as, e Frozen, con 5 pases e 526 entradas vendidas.
No caso do cinema dirixido ao público adulto a película Joker, con 3 pases e 365 espectadores/as e Green Book, con 326 espectadores distribuídos en 5 pases están entre os títulos preferidos polo público adulto.
Unha mención especial merece o filme galego O que arde, que durante a fin de semana da súa estrea logrou reunir a 340 persoas, en tres pases, na Casa Dopeso.