As Pontes, 29 de decembro de 2023.  A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou, esta semana, o proxecto de construción dunha bancada cuberta para o campo de herba artificial “Evaristo Puentes”, situado no Poboado das Veigas.

O proxecto, cun orzamento de 97.913 euros, con cargo a fondos municipais, permitirá, en palabras do rexedor local, Valentín González Formoso, “dar resposta á demanda dos clubs deportivos da vila que empregan esta instalación, así como dos espectadores que, cada fin de semana, se achegan ata o campo “Evaristo Puentes” para gozar de diferentes competicións deportivas. Agora o público poderá ver os partidos sen sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas, dunha forma cómoda e axeitada”

Durante unha visita ao campo de herba artificial, González Formoso, acompañado pola concelleira de Deportes, Elena López, indicou que esta actuación “busca poñer en valor unha instalación que é empregada de xeito habitual por preto de 500 deportistas da vila entre os que se atopan case 300 nenos e nenas do Club Deportivo As Pontes, os diferentes equipos que integran a liga local de fútbol de veteranos e o club de Rugby Fendetestas con preto de 90 deportistas federados en diferentes categorías”

A bancada situarase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo e ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal que separa as instalacións deportivas da Ronda do Poboado.

A superficie construída da cuberta da bancada será de 142,50 m2 e a bancada disporá de 7 pórticos metálicos con protección con galvanizado en quente, que ocuparán 30 metros de lonxitude e 4,75 metros de ancho, albergando a 168 persoas en asentos sen respaldo fabricados en PVC.

Ademais a bancada cubrirá tamén os dous metros de ancho de beirarrúa existente que separará a bancada do campo de xogo, ofrecendo maior protección aos espectadores que acudan ao campo a gozar das competición deportivas así como aos diferentes clubs que fan uso desta instalación.