As Pontes, 21 de decembro de 2023. O Concello das Pontes puxo en marcha, no mes de maio o proxecto de voluntariado “Talento Interxeracional”, que, en palabras de Tania Pardo Cabarcos, concelleira de Benestar Social “ten como fin combater a soidade non desexada das persoas maiores das Pontes, facilitando, ao mesmo tempo unha aprendizaxe bidireccional entre persoas maiores e novas e promovendo unha maior activación social do voluntariado nas Pontes”.

Na primeira fase do proxecto realizouse a procura de persoas voluntarias interesadas en participar no mesmo, contactando e informando principalmente o tecido asociativo das Pontes (asociacións de veciños/as, culturais e deportivas), concluíndo nunha presentación pública do proxecto no mes de xuño.

A continuación conformouse un grupo de 10 persoas voluntarias, cunha ampla diversidade en canto á súa idade, xénero e nacionalidade, que durante o mes de setembro recibiron formación por parte da ONGD Sen Valos co fin de deseñar e poñer en marcha iniciativas solidarias desde o voluntariado enfocadas aos obxectivos do Proxecto “Talento Interxeracional”.

Do traballo colaborativo das persoas voluntarias xurdiron dúas iniciativas solidarias que se puxeron en marcha este último trimestre do ano 2023: En primeiro lugar puxéronse en marcha talleres conxuntos entre persoas maiores e novas e, a continuación, organizáronse actividades recreativas e lúdicas coas persoas maiores.

Para o primeiro tipo de actividade, desenvolvéronse talleres conxuntos entre nenos/as, novos e persoas maiores nos meses de novembro e decembro, que empezaron no IES Castro da Uz, coa participación de alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e continuaron no mes de decembro no CEIP A Magdalena, co alumnado de infantil e primaria (de 3 a 12 anos), sumando máis de 600 escolares participantes nos talleres.

O obxectivo destas actividades foi a de ensinar aos/as nenos/as e mozos a coser e a poñer en valor aquelas habilidades das nosas persoas maiores que actualmente se descoñecen ou están en desuso. A través deste exercicio o alumnado afastouse das pantallas e descubriron outro tipo de actividades que lles conectaron coa nosa xeración de persoas maiores, adquirindo consciencia da sabedoría, valores e riqueza que os nosos maiores achegan á sociedade.

As actividades consistiron en trasladar ás aulas a arte da costura a través dun taller de adornos do Nadal para o que se contou coa axuda de 6 mulleres maiores de 60 anos que foron as encargadas de ensinarlles a coser e acompañarlles durante toda a actividade.

As figuras creadas nas manualidades do IES Castro da Uz destinaranse a un mercadillo solidario para recadar diñeiro dirixido a unha obra social das Pontes e tamén no IES Castro da Uz, durante a segunda semana de actividades o alumnado contou coa participación da Rondalla das Pontes, que lles mostrou distintos cantos populares.

Para o segundo tipo de actividade, os venres, desde o 24 de novembro, no Centro Sociocomunitario das Pontes están a organizarse unha serie de actividades recreativas e lúdicas destinadas ás persoas maiores. Estas actividades consisten principalmente no desenvolvemento dun bingo social e dun espazo de baile nas que tamén participan nenos/as e novos, como os membros do grupo de Rugby Fendetestas das Pontes, o alumnado de segundo de bacharelato do IES Moncho Valcarce, alumnado do IES Castro dá Uz, ou do CEIP A Fraga. En total máis de 90 persoas maiores están a participar estes venres nas actividades do proxecto.

Tania Pardo, responsable do proxecto amosou o seu agradecemento a todas as persoas que participan neste proxecto, apuntando apuntou que “no desenvolvemento das actividades d colaboraron diferentes comercios das Pontes doando materiais e agasallos para as persoas maiores e detrás hai moita xente apoiando e achegando o seu gran de area sen o cal sería imposible, como as familias das persoas voluntarias do proxecto, a dirección e o persoal docente dos centros educativos, equipos de limpeza, conserxería,… E cada día súmase máis xente nova ao proxecto”