As Pontes, 3 de Agosoto do 2017

Que veñamos de deixar atrás o mes de xullo e as populares festas do Carme e a Fraga non quere dicir que agosto non traia algarabía consigo e é que, neste mes, toca desfrutar das diferentes festas nos barrios e parroquias de todo o termo municipal pontés.

Ribadeume, Espiñaredo, Saa, Roupar ou a Esfarrapa son algúns dos barrios que, durante as vindeiras semanas, van festexar as súas festas propias e, coma sempre, con atractivas sesións vermú e verbenas que sempre logran atraer aos veciños e veciñas que non abandoan As Pontes nestas datas.

Así, xa nos podemos ir preparando para honrar, en Ribadeume, a San Roque os días 11, 12 e 13 deste mes, sobre todo con boa música.

Despois de que o pasado ano non tivesen lugar estes festexos, o vindeiro venres día 11 teremos a primeira das actividades deseñada pola comisión de festas deste 2017: unha verbena nocturna coas formacións nueva fuerza e a orquestra Marbella, da que xa tivemos a oportunidade de desfrutar nas Pontes durante as festas do Carme.

Xa para o sábado 12, a programación iniciarase da man dunha misa á que seguirá a primeira das sesións vemú da fin de semana, neste caso da man da formación Bambolea e que repetirá á noite, na verbena, na que tamén estará presente a orquestra Galilea.

Para pechar estes festexos, o domingo novamente amencerá co son das campás da igrexa e unha nova celebración litúrxica á que seguirá a derradeira sesión vermú da fin de semana cunha formación que aínda está por confirmar