As Pontes, 30 de decembro| O convenio supón o traspaso ao Concello de numerosos activos valorados en case 80 millóns de euros.

Despois da resolución das alegacións presentadas no período de exposición pública, o convenio foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno.

Entre as propiedades que pasan a ser de titularidade municipal, atópanse toda a zona da praia do lago, incluída a coñecida como zona ou praia verde, a pista perimetral da zona norte do lago, as instalacións do Tesouro ou os terreos da Canle IV, tanto as zonas de equipamentos como os solares.

Respecto ao Poboado de As Veigas, antes de pasar a mans do Concello, a compañía eléctrica encargarase de executar todas as melloras urbanísticas e dotacionais, o que supoñerá unha mellora na calidade de vida dos veciños, para logo proceder á venda das vivendas do mesmo xeito que fixo cos demais poboados.

Doutra banda, os terreos de Portorroibo supoñen 217.000 metros cadrados máis de chan para uso industrial, previa tramitación, así como a dispoñibilidade das naves situadas no mesmo.

A zona de equipamentos deportivos do poboado de As Veigas, que inclúen os campos, as pistas, a complexa Lareira, así como as pistas de tenis e a antiga residencia ocupada hoxe en día por Aspanaes cuxa intención do goberno municipal é que esta asociación siga xestionándoa.

Destaca tamén a cesión da praza da Lembranza na Casilla, e o terreo ocupado actualmente polas rotopalas no bordo do lago, sobre as que desde hai tempo o goberno negociou con Endesa a cesión dunha destas máquinas, como símbolo do pasado mineiro do pobo.

Do mesmo xeito, o grupo de goberno manifestou que mantén conversacións con Endesa para a cesión do antigo hospitalillo, para a posta en marcha dun xeriátrico.

Hai que destacar tamén a cesión do conxunto etnográfico de casas da Vilavella, así como a franxa de terreo circundante co río Eume e a Illa, a antiga escola de aprendices, o campo da festa de Saa e o antigo cemiterio de Espiñaredo, propiedades todas elas para as que o goberno local conta con proxectos para desenvolver a medio prazo.

Desde o Concello sinalan que levar a cabo os distintos proxectos, non sería viable nin economicamente nin administrativamente de non ser pola cesión que Endesa fai de todas as propiedades contempladas no convenio. Manifestan ademais que marcará un fito de futuro para As Pontes, porque estes activos conveniados supoñerán o desenvolvemento económico, industrial, social e turístico do municipio.