As Pontes, 29 de setembro| O programa Deseñando o teu futuro chegaba onte ata as dependencias da biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco. Ata alí se desprazaron os 7 rapaces e rapazas que, ao longo destes días, tomaron parte neste programa para menores de 18 anos, impulsado pola dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, coa fin de aproximar á mocidade galega ao ámbito sociolaboral e facilitar que os rapaces escollan unha saída laboral.

Tras visitar dependencias municipais coma a radio televisión, as oficinas das diferentse concellerías ou incluso empresas do municipio, onte tocaba colaborar coa biblioteca e da man dun entretido contacontos.

Alí, rapaces coma Carmen, Nuno ou Jorge ofreceron aos pequenos e pequenas da sala infantil de lectura divertidas historias das que tamén desfrutaron os seus pais e nais.

Textos coma “Xaime e as landras”, de Tim Bowley; “Unha vella tiña un can” de Xosé Ramón Mariño Ferro, ou “O paraugas amarelo” de Joel Franz Rosell foron algúns dos escollidos por estes xoves contacontos que fixeron as delicias do público presente.

OBRADOIRO DE ESCRITA

E da lectura á escrita, pero sen abandoar a biblioteca, un ano máis, se desenvolverá o OBRADOIRO DE ESCRITA que dirixirá o poeta Eduardo Estévez. Polo momento, o prazo de matrícula continúa aberto aínda que as prazas son limitadas. Os interesados en anotarse ou obter máis información poden achegarse ata a biblioteca municipal ou telefonar ao 981 10 25 62.