Rtv Eume 22 de Outubro do 2017
Co comezo do Outono cadra tamén cada ano a apertura de prazo de pagamento de varios impostos e taxas, entre eles a contribución.
A partir do mércores da vindeira semana, concretamente dende o mércores, xa se poderán pagar o imposto sobre bens inmobles de natureza urbana, rústica e bices, é dicir, a contribución; correspondente ao exercizo de 2017.
No Boletín Oficial da Provincia de onte mesmo publicábase o edicto e anuncio de cobranza destas taxas que, dende o vindeiro día 27, estarán xa ao cobro.
Os veciños e veciñas afectados, en total 13.266 liquidacións, terán de prazo ata o día 27 de Novembro para satisfacer as cantidades resultantes. Xa saben que o pagamento se pode facer efectivo nas oficinas de recadación, na planta baixa do edificio administrativo da Avenida de Castelao, en horario de 8:30 a 14:00 ou senón tamén a través de calquera das oficinas da entidade financeira Abanca. Outra posibilidade é domiciliar o pago das liquidacións nas entidades financeiras da localidade.
O Concello ingresará polo Imposto de Bens Inmobles de Natureza urbana e bices case 7,5 millóns de euros, namentras que en concepto de Imposto de Bens Inmobles de Natureza Rústica cobraranse preto dos 35.000 euros.
Ademáis de poñer ao cobro o imposto da contribución, o mércores que vén tamén se abrirá o prazo de pagamento voluntario da taxa por entrada de vehículos e vaos permanentes, correspondente ao exercizo en curso.
O anuncio facíase público no boletín oficial da provincia do pasado mércores e recolle que os afectados terán ata o 27 de novembro para facer efectivo este pagamento nas oficinas de recadación, na entidade a Banca ou mediante domiciliación bancaria.
O concello emitiu un total de 771 liquidacións que suporán uns ingresos para as arcas municipais de 20.565 euros, unha cifra moi semellante á do pasado exercizo.
Como é habitual, no caso de non cumprir con esta obriga no prazo de pagamento voluntario, iniciarase o periodo executivo e a débeda resultante esixirase polo procedemento de prema.