As Pontes, 29 de agosto de 2020.  O Concello das Pontes ante a evolución da situación sanitaria da pandemia provocada polo COVID 19 comunica a CANCELACIÓN da proba deportiva que se ía celebrar o vindeiro 4 de outubro na nosa vila.

Esta medida adóptase con carácter preventivo e co obxectivo prioritario de velar pola saúde da veciñanza e preservar o inicio do curso escolar, así como evitar calquera tipo de concentración, nun espazo público municipal, que poda provocar un gromo na vila.

A obriga do Concello é velar para que non se produza un gromo no noso municipio nun momento de incerteza, con máis de 120 casos positivos na área sanitaria de Ferrol, case 3.000 en toda Galicia e unha cifra que se eleva ata 86.000 casos en España, extremando as precaucións para evitar calquera tipo de concentración que supoña unha aglomeración de carácter importante como é esta proba deportiva na que participan más de 500 atletas.

Desde o Concello queremos agradecer á organización a súa comprensión ante esta decisión así como a súa total colaboración, lamentado as molestias e os inconvenientes xerados, non só á organización, senón tamén aos centos de deportistas inscritos na proba e que este ano non poderán gozar da súa paixón polo deporte e do noso pobo.

Desexamos que o próximo ano a situación sexa outra e se poda celebrar unha nova edición do NorthWest Triman, unha proba de referencia dentro do mundo do triatlon, nun entorno natural privilexiado como é o noso municipio.